O BNG declarará Vigo como cidade tensionada da vivenda para frear o “brutal aumento” dos alugueiros
A fronte nacionalista compromete tamén a promoción de vivenda pública, mobilizando inmóbeis baleiros, limitando o uso turístico e despregando axudas á emancipación da mocidade e para as familias vulnerábeis
Alexandra Fernández: “O PP dinamitou durante 15 anos na Xunta as políticas públicas de vivenda, deixando en mans da especulación este dereito básico”
O Bloque Nacionalista Galego declarará Vigo como cidade tensionada da vivenda para frear o “brutal aumento” dos prezos dos alugueiros. Así se comprometeu este martes a candidata e portavoz nacionalista de vivenda, Alexandra Fernández, quen avanzou tamén as liñas estratéxicas do BNG para enfrontar un dos principais problemas sociais na cidade, que ten os prezos máis elevados de toda Galiza.
“O PP dinamitou durante 15 anos na Xunta as políticas públicas de vivenda, deixando en mans da especulación este dereito básico”, denunciou Fernández, quen subliñou que só no último ano os alugueiros incrementaron por volta dun 10% en Vigo, pasando dun prezo medio de 561 euros até os 619 euros actuais, e con aumentos dun 50% na última década.
Fronte a esta situación, a candidata nacionalista apostou por actuar con determinación cun Goberno galego do BNG para declarar Vigo como mercado tensionado, posto que a cidade cumpre cos requisitos e ten xa 15 barrios superando os límites. Nese sentido, Fernández acusou ao PP de Rueda de querer “boicotear” esta medida cunha modificación lexislativa transferindo esta decisión aos concellos, malia que as competencias en vivenda dependen da Xunta, e entregando ás patronais inmobiliaria e da construción a capacidade para “torpedear” en última instancia esta limitación de prezos.
Parque público de vivendas
Xunto a esta medida, o BNG comprométese a desenvolver unha enérxica intervención dende o Goberno galego ampliando a oferta de vivenda pública para dar solucións ao problema de acceso á vivenda. Unha iniciativa que, explicou Fernández, pasaría por mobilizar 12 mil vivendas baleiras en Galiza para incorporar a un parque público a prezos asequíbeis para a maioría social.
Na mesma liña, a candidata nacionalista avanzou que se actuará para poñer freo ás vivendas de uso turístico, que tensionan aínda máis os prezos en cidades como Vigo, para limitar a súa proliferación. Aliás, asegurou que se porán en marcha liñas de axudas destinadas tanto para a emancipación da mocidade como para as familias en situación de vulnerabilidade social. Fernández tamén valorou o proxecto para construír 1.600 pisos no barrio de Navia, dos que o BNG se comprometeu a destinar a metade “como mínimo” a alugueiro social.
“As galegas e galegos poden ter a seguridade de que un Goberno galego liderado por Ana Pontón, a partir do vindeiro domingo 18 de febreiro, terá entre as súas prioridades despregar alternativas aos prezos imposíbeis da vivenda”, remachou.