O BNG defende un plan de estudos para a EMAO que potencie a escola e estabilice a plantilla

O BNG defende un plan de estudos para a EMAO que potencie a escola e estabilice a plantilla

Serafín Otero e Iolanda Veloso expresaron o apoio do Bloque ás demandas expresadas polo profesorado 

 

declaracións SerafínVigo, 12 de marzo de 2015.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e o candidato do BNG á alcaldía, Serafín Otero, analizaron a situación actual da Escola Municipal de Artes e Oficios e destacaron as principais medidas que consideran necesarias para potenciala. “Queremos manifestar o noso apoio ao profesorado, comprometido e os mellores nos seus campos, para reforzar e apostar por unha escola con historia, percorrido, experiencia e posibilidades de converterse nunha referencia no país”, afirmaron antes de manter unha xuntanza co profesorado.

Serafín Otero criticou o desinterese do Concello de Vigo pola escola especialmente no último mandato no que houbo tres concelleiros diferentes presidindo a xunta reitora (Raquel Díaz, Santos Héctor Rodríguez Díaz e Olga Alonso) que non mantiveron unha liña coherente de funcionamento da Escola. “Non foron quen de acadar o pleno desenvolvemento do plan de estudos provisional que agora remata”, apuntou.

Neste sentido lembrou as ameazas de traslado ou peche da Escola para utilizar o edificio para outros usos, como a biblioteca estatal, “que segue sen existir”, comentou. Entre os problemas que presenta a escola mencionou ademais as modificacións confusas das condicións de matriculación e dos horarios e a indefinición do proxecto.

“Desde o BNG consideramos que a EMAO ten que seguir sendo un referente importante da cidade e polo tanto pensamos que tanto o Concello de Vigo como outras administracións teñen que seguir prestándolle apoio”, afirmou o candidato nacionalista.

Máis clases e orzamentos

Iolanda Veloso, pola súa banda, destacou que “falta compromiso para sacar adiante a escola, xa que pasa por unha situación complicada que se traduce cada ano na perda de alumnado”. Lembrou que a EMAO leva máis de 125 anos de funcionamento ininterrompido na cidade, é unha referencia educativa e cultural “que merece unha maior atención”.

Ao respecto defendeu que a Escola merece aumentar as horas de docencia ofrecendo clases polas mañás, estabilizar o profesorado e dotala duns orzamentos precisos para atender as necesidades. “É necesario dar resposta ás demandas da Escola, que son cambiantes ao longo do tempo”, asegurou a portavoz municipal, ao tempo que sinalou que son moitas as persoas desempregadas da cidade poderían aproveitarse desta formación para buscar unha saída laboral e enriquecer o ambiente da escola con actividades complementarias.

Veloso explicou asemade que o BNG recibiu a proposta do novo plan de estudo, “que queremos estudalo ben e analizar co profesorado as propostas que teñen para melloralo”, sinalou ao respecto. Sinalou que o novo plan debe ser aprobado proximamente, malia que non hai data fixada.

“Desgraciadamente atopamos na proposta a mesma indefinición que marcou o funcionamento da Escola ata o de hoxe”, destacou a portavoz municipal. Sinalou como exemplo o feito de que o plan estea redactado en condicional e que aínda non se sabe quen abrirá o prazo de inscrición para o curso que vén, posto que aínda non se sabe se vai a desaparecer o organismo autónomo que o xestiona.

 

O BNG defende un plan de estudos para a EMAO que potencie a escola e estabilice a plantilla