O BNG instalará un hospital de campaña como acto de denuncia da situación de emerxencia da sanidade
Persoal sanitario tomará a tensión a calquera viandante nun acto reivindicativo organizado por BNG-Asembleas Abertas baixo o lema tensiónate en defensa da sanidade pública
Contará coa participación do portavoz nacional, Xavier Vence, e do cabeza de lista da candidatura, Serafín Otero
Vigo, 15 de marzo de 2015.- O Bloque instalará un hospital de campaña en plena rúa Príncipe de Vigo para simbolizar a situación de emerxencia da sanidade pública na primeira cidade do país e na súa área de influencia, a partir das 10.30 horas de mañá luns 16 de marzo.
Deste xeito o BNG-Asembleas Abertas desenvolverá un acto de protesta en defensa dun sistema sanitario precarizado pola política de recortes e de privatizacións do PP que tivo como último episodio o colapso do servizo de urxencias do CHUVI, en palabras do propio presidente da Xunta, por ter que atender a once operacións de cadeira.
Para o BNG este é unha explicación inaudita, considerando que a poboación da área sanitaria de Vigo ascende a 437.000 potenciais usuarios e usuarias, segundo a información do propio Sergas.
Este novo colapso das urxencias no CHUVI coincide coa folga en Povisa tras o despido de 13 traballadores e traballadoras deste hospital privado, que BNG-Asembleas Abertas considera prexudica a calidade da prestación sanitaria dun hospital privado que ben de asinar un convenio co Sergas por importe de 75 millóns de euros anuais durante oito anos, e que acaba de declarar uns beneficios de once millóns de euros.
Nese acto reivindicativo de carácter simbólico participará persoal sanitario, entre eles o número tres da candidatura, Manuel Moreira, médico de profesión e portavoz da Plataforma SOS-Sanidade Pública en Vigo, que tomará a tensión a todos e todas as viandantes que se acheguen a ese hospital de campaña na rúa Príncipe, de aí o lema desta protesta tensiónate en defensa da sanidade pública.
O portavoz nacional, Xavier Vence, acudirá a Vigo para participar neste acto organizado polo BNG-Asembleas Abertas, no que tamén estará o cabeza de lista, Serafín Otero, xuntos con outros membros da candidatura e responsables políticos locais da formación nacionalista.