O BNG denuncia a “bunkerización e listas negras” impostas por Abel Caballero no Pleno de Vigo
A fronte nacionalista critica o “excesivo e inxustificado” dispositivo policial nos accesos á sesión plenaria deste xoves, con veciñas e veciños vetados sen explicacións
Afea que se lle negara tamén o acceso a persoas cando quedaban asentos baleiros mentres o PSOE ocupou unha parte importante do aforo con militantes e simpatizantes
Xabier P. Igrexas: “O alcalde segue sen entender que Vigo vai moi alén dos 19 asentos do PSOE, que as viguesas/es que non o votaron son tamén viguesas/es de primeira”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a “bunkerización antidemocrática e listas negras” impostas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a sesión do Pleno municipal celebrada este xoves. A fronte nacionalista critica o “excesivo e inxustificado” dispositivo policial despregado nos accesos do salón de Plenos, no que veciñas e veciños foron vetados sen explicacións.
“Dende o BNG temos que lembrarlle ao alcalde que os Plenos son un acto público, e que toda a cidadanía ten dereito de poder seguirlos en directo”, salientou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu da existencia de “listas negras” con nomes e apelidos de persoas ás que sen ningún tipo de motivo se lles impediu a asistencia á sesión plenaria.
Do mesmo xeito, Igrexas afeou que durante o Pleno non se permitise o acceso de máis público cando ían quedando asentos baleiros de persoas que abandonan a sesión, vulnerando o previsto no Regulamento Orgánico do Pleno. O voceiro nacionalista cualificou esta decisión de “bochornosa e inaceptábel” mentres unha parte importante do aforo do salón plenario estaba ocupado por militantes e simpatizantes do PSOE, convocados para aplaudir as intervencións dos representantes socialistas e que foron felicitados ao remate do Pleno polos propios concelleiros e concelleiras do equipo de Caballero.
“É unha mostra máis da total falla de respecto do alcalde cara ao Pleno como máximo organismo de representación democrática da cidade”, reprochou Igrexas, quen sinalou que “o problema de Abel Caballero é que non entende que Vigo vai moi alén dos 19 asentos do PSOE, que as viguesas e vigueses que non o votaron ou discrepan del son tamén viguesas e vigueses de primeira”.