Unha Xunta de Galiza presidida polo BNG promoverá a Cultura como “dereito social”
A fronte nacionalista celebrou un encontro en Vigo con persoas de diferentes disciplinas culturais no que trasladou as liñas mestras do seu programa de cara ás eleccións do 18F
Carmela González: “O BNG empurraremos o talento creativo que latexa no noso País e que se fai sentir con moita forza en Vigo, facendo máis visíbel a nosa produción cultural”
O Bloque Nacionalista Galego presentou este mércores na cidade de Vigo as liñas mestras das súas propostas en materia de políticas culturais. Fíxoo nun Café Cultural realizado no Catro a Catro, que serviu como encontro aberto no que participaron persoas de diferentes ámbitos e disciplinas culturais. O mesmo estivo presentado polo produtor audiovisual e candidato número 12, David Miranda, e contou coas intervencións de Roberto Pascual (xestor cultural), Su Garrido Pombo (música), Xoán Pinto (activista cultural) e da deputada e candidata nacionalista número 5, Carmela González.
“A cultura é un dereito da cidadanía e como tal a Xunta ten a obriga de adoptar todas as medidas e destinar os recursos necesarios para garantir ese dereito e de atender con políticas públicas o desenvolvemento de cada unhas das dimensión nas que se manifesta hoxe a cultura, da sociocultural á patrimonial e da económica á creativa”, proclamou González.
Desde o BNG defenderon a necesidade de empurrar “o talento creativo que latexa no conxunto do País e que se fai sentir con moita forza na cidade de Vigo”, co obxectivo de facer máis visíbel a nosa produción cultural como un factor de dinamización e desenvolvemento.
Nese sentido, a candidata nacionalista denunciou a “política sectaria e de desprezo polo tecido cultural galego» que aplicou o Partido Popular nos últimos 15 anos á fronte do Goberno galego. A iso contrapuxo a “aposta estratéxica” do BNG por unha política cultural “radicalmente diferente” que se asentará en tres grandes ideas: o orgullo pola nosa lingua, identidade e acervo cultural con vocación de vangarda sen fronteiras; a participación directa do tecido cultural; e a concepción da cultura como un dereito de todas e todos.
Nese obxectivo, o BNG comprométese a impulsar a lei galega de dereitos culturais e sistema público de cultura, que permita redefinir e redimensionar o sistema institucional da cultura “poñendo fin á inercia agónica dunhas políticas raquíticas que acabaron por se limitar ao monocultivo do Xacobeo”.
Compromiso con Vigo
“Fronte á deserción da Xunta do PP nos últimos 15 anos nos que non despregou ningunha iniciativa cultural na maior cidade do noso País, o BNG poremos en valor a Vigo como grande berce creativo e vangarda cultural”, asegurou Carmela González.
Nese sentido, a nacionalista trasladou o compromiso do BNG por “intensificar ao máximo” a acción cultural da Xunta en Vigo. Aumentar o financiamento da Xunta da Rede Museística da cidade, impulsar residencias artísticas, ofertar unha programación cultural estábel ou facer realidade a Escola de Danza que complete, xunto a ESAD, un grande campus das artes en Navia, son algunhas das medidas concretas que trasladou.