O BNG denuncia o peche do centro de saúde de Beiramar
A deputada do BNG, Carme Adán, presentou onte no Parlamento Galego unha serie de preguntas relativas ao peche do centro de saúde de Beiramar.
A representante nacionalista considera que a decisión unilateral do SERGAS de pechar o centro de saúde de Beiramar implica o desprazamento de moitos doentes, nalgún caso desde Bouzas até Rosaría de Castro, e que é un novo exemplo da política sanitaria do Partido Popular, centrada no desmantelamento do servizo público.
Tamén pregunta a deputada do BNG cal é a razón de que a Xunta non cumpra coa obriga de construír o centro de saúde de Bouzas, e así solucionar os problemas de saturación existentes, e cualifica de escandaloso que non só non se busca resolver esa saturación senón que se agrava o problema pechando un centro de saúde xa existente
O BNG celebrou hoxe diante do centro sanitario de Beiramar unha concentración para chamar a atención sobre este novo ataque á sanidade pública, e informar aos usuarios e usuarias deste centro de atención primaria da situación que padecerán en breve co peche do seu centro asistencial. Nesta concentración participaron ademáis de Carme Adán, Olaia Fernández Davila, deputada no congreso; Iolanda Veloso, voceira do grupo municipal e o concelleiro Xabier Alonso.
Nesta concentración Carme Adán lembrou que a xestión do PP levou ao límite á área sanitaria de Vigo, que sofre os recortes e a privatización dun xeito salvaxe e padece unha lista de agarda que supera os 85 días, 170 días no caso do hospital concertado POVISA, o que implica que moitos sexan desprazados/as incluso a Pontevedra para realizar intervencións cirúrxicas.