O BNG denuncia que o Goberno de Caballero négalle o acceso a información sobre a campaña publicitaria de Vitrasa
O concelleiro de Fomento incumpre o Regulanento Orgánico do Pleno e a lexislación vixente ao non facilitar a información e acceso aos expedientes municipais sobre a campaña “Móvete por Vigo, mellor no Vitrasa”
Xabier P. Igrexas: “A pel fina ou a alerxia autoritaria a calquera crítica non vai impedir que o BNG, como forza da oposición, exerzamos a nosa labor de control e fiscalización do Goberno municipal”
O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar un novo intento por parte do Goberno municipal de Abel Caballero de impedirlle o acceso a información municipal. Desta volta é o concelleiro de Fomento, Javier Pardo, quen se nega atender a solicitude de información e acceso a expedientes formulada polo BNG para coñecer quen encargou a campaña publicitaria "Móvete por Vigo, mellor no Vitrasa", que aparece en diferentes soportes publicitarios co logotipo do Concello.
Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, “é moi sospeitoso que o Goberno municipal tente impedir que se poida coñecer quen encargou esa campaña, con que obxectivos e finalidade e, sobre todo, quen a paga”. “Que é o que quere ocultar Abel Caballero? Que é o que non queren que se saiba?”, interrogou.
Igrexas cualificou de “delirio propio de autócratas” que a resposta asinada polo concelleiro de Fomento rexeite ilegalmente facilitar esa información por causa do seu particular desacordo coa parte expositiva do escrito. Nel o BNG advertía que resultaría un escándalo que se financiase con diñeiro público unha campaña que só persegue branquear a actual empresa concesionaria diante do crecente malestar veciñal pola grande precariedade na que se está a prestar o servizo de bus urbano. “Sorprende que na súa resposta, o concelleiro de Fomento o que non contestase é o feito de que continúa a haber 154 frecuencias recortadas no bus durante as fins de semana”, subliñou.
O portavoz municipal nacionalista advirte que non van entrar nas provocacións do Goberno de Caballero. “O único que vamos facer é lembrarlle a obriga legal, de acordo co previsto no Regulamento Orgánico do Pleno do Concello e da lexislación vixente, de que nos faciliten esa información nun prazo de cinco dias naturais que vence este domingo dia 19. Que se deixen de contos e dean conta do que fan”.
“A pel fina ou a alerxia autoritaria a calquera crítica non vai impedir que o BNG, como forza da oposición, exerzamos a nosa labor de control e fiscalización do Goberno municipal, sobre todo cando do que se trata é do uso dos recursos do Concello, do diñeiro de todas as viguesas e vigueses”, remachou Igrexas.