Montse Prado acusa ao PP de antepoñer os intereses da empresa de ambulancias da área de Vigo á calidade do servizo
A deputada do BNG reclama a Sanidade que actúe para rematar coa incerteza na que se atopa o cadro de persoal, que sofre impagos e retrasos nas nóminas
A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, acusou este xoves á Consellería de Sanidade de antepoñer os intereses empresariais da concesionaria das ambulancias na área de Vigo á calidade na prestación do servizo, que leva tempo deteriorándose, co risco que iso supón na atención aos doentes. Emprazou así ao Goberno do PP a actuar xa para arranxar unha situación agravada polos problemas económicos que atravesa a empresa.
Prado fíxose eco na Comisión 5ª de Sanidade das denuncias feitas polo persoal sobre a “gravísima situación” na que se atopa Ambulancias do Atlántico, a empresa concesionaria do 061 en Vigo, Cangas e Moaña, que tamén presta o servizo de transporte sanitario dos hospitais para toda a área sanitaria de Vigo.
Denunciou, neste sentido, impagos e retrasos no aboamento dos salarios aos 260 traballadores e traballadoras, e impagos tamén aos proveedores, acumulando en total unha débeda que podería rondar o medio millón de euros.
“As tarxetas de pago que se empregan para a reportaxe das ambulancias deixaron de funcionar e xa só son atendidos nunha gasolineira”, puxo como exemplo da situación que se están a vivir os traballadores da concesionaria que, tal e como lembrou a deputada nacionalista, xa protagonizou “escándalos e conflitos” noutras partes do Estado, como Castela a Mancha ou Euskadi.
É por iso que Prado criticou que Sanidade fixese “ouvidos xordos” as advertencias que o BNG leva facendo dende hai anos, pedindo rectificar unha política que prima os criterios económicos sobre a calidade asistencial, exercer o labor de control sobre a calidade do servizo e garantir os dereitos laborais das persoas traballadores.
“A gravidade da situación no é compatíbel coa pouca presa da Xunta por solucionar o problema”, manifestou Montse Prado, denunciando que a situación no servizo “pon en risco a saúde e a vida da veciñanza e vulnera os dereitos do persoal”, grazas ao cal as ambulancias seguiron traballando.
Rescate da concesión
A deputada do Salnés criticou ao Goberno do PP por “mirar para outro lado” e non ter rescatado o contrato da concesión, tal e como pediu o Bloque, a pesar de que a empresa incumpriu de maneira reiterada as condicións do mesmo. “Non actuaron e agora teñen que recorrer a un contrato de emerxencia, a dedo”, reprobou Prado durante a pregunta formulada á secretaria xeral de Sanidade, Natalia Lobato.
Prado reclamou á Consellería que actúe para rematar coa incerteza na que se atopa o cadro de persoal, garantindo os seus dereitos, os cobros puntuais e que se lles pague a débeda. Solicitou así mesmo que fiscalice a liquidación do contrato coa empresa para determinar a que se destinaron os recursos públicos que se lle aboaron -toda vez que acumula impagos duns 500.000 euros- e que se active a un procedemento de emerxencia para o servizo programado que tamén está sendo prestado pola mesma empresa.