O BNG esixe que a concesionaria de limpeza dos colexios públicos de Vigo pague os atrasos salariais do seu persoal
A fronte nacionalista demanda actuacións do Goberno municipal ante a negativa da empresa Mantelnor de cumprir co convenio colectivo e co prego concesional.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir máis casos de grandes concesionarias que deixan de pagar o que corresponde e fan o que lles peta con servizos municipais”.
O Bloque Nacionalista Galego esixe que a concesionaria do servizo de limpeza dos colexios públicos de Vigo abone os atrasos salariais do seu persoal. A fronte nacionalista demanda que o goberno de Abel Caballero tome cartas no asunto e actúe con “firmeza” ante as reiteradas negativas da empresa Mantelnor, que xestiona este servizo de titularidade municipal, a abonar os cobros pendentes cumprindo co estabelecido no convenio colectivo e no prego da concesión.
“Estamos diante dun exemplo máis dunha empresa privada que xestiona un servizo público municipal, que recibe millóns de euros de diñeiro público, que non está a cumprir de forma deliberada e reiterada coas súas obrigas co seu propio persoal”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes sindicais da CIG deste servizo, que levan semanas a mobilizarse.
Nesta reunión, Igrexas trasladou o “total apoio” do Bloque ás reivindicacións do persoal e o compromiso da fronte nacionalista para demandar a intervención urxente do Goberno local. Os cobros pendentes que reclaman as traballadoras e traballadores da limpeza dos colexios públicos de Vigo supoñen de media un 600 euros, derivados da actualización acordada no convenio colectivo.
“O goberno de Abel Caballero ten que actuar con firmeza, aplicando con absoluto rigor e rotundidade o prego concesional para garantir que Mantelnor paga o que debe ao seu persoal e poñer fin así a esta situación inxusta”, defendeu o edil nacionalista.
“Non podemos permitir que estas grandes concesionarias fagan o que lles pete”, remachou, en relación aos numerosos casos de conflitos laborais abertos nos últimos meses en empresas privadas que xestionan servizos de titularidade municipal en Vigo.