O BNG oponse a “estafa” de repagar a Abanca polo Teatro Cine Fraga e pide a cesión gratuíta a Vigo
A fronte nacionalista propón constituír un consorcio público-privado para a cesión da propiedade ou do seu uso gratuíto, en lugar da compra que planean Xunta e Deputación
Xabier P. Igrexas: “É escandaloso que o PP pretenda agora entregar outros 9 millóns de euros aos propietarios de Abanca, que foi rescatada con 9.000 millóns de diñeiro público”
O Bloque Nacionalista Galego oponse a “estafa” que supón repagar a Abanca 9,3 millóns de euros polo Teatro Cine Fraga, como veñen de anuncian a Xunta de Galiza e a Deputación de Pontevedra. A fronte nacionalista propón no se lugar constituír un consorcio público-privado con participación de todas as administración no que a entidade financeira ceda a propiedade ou, como mínimo, o uso gratuíto e xestión pública deste emblemático edificio, abandonado dende hai dúas décadas.
“É escandaloso que o PP pretenda agora entregar outros 9 millóns de euros aos propietarios privados de Abanca cando esta entidade foi rescatada con 9.000 millóns de diñeiro público, para logo ser comprada por apenas 1.000 millóns”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurando que “non podemos recomprar o que xa pagamos sobradamente”.
Igrexas lembrou que o Teatro Cine Fraga foi adquirido nos anos 2000 pola Obra Social da antiga Caixa Galicia por 8 millóns de euros co obxectivo de transformalo nun grande espazo cultural na maior cidade galega. Porén, o proceso de privatización das caixas “impulsado con entusiasmo polo PP ao ditado dos homes de negro de Bruxelas” tronzou ese proxecto e derivou no abandono do edificio.
“Un verdadeiro espolio que agora Xunta e Deputación queren recompensar co diñeiro de todas e de todos ”, afeou o portavoz municipal do Bloque, subliñando que Abanca vén de obter un beneficio de 158 millóns de euros no primeiro trimestre deste ano, incrementando así as súas ganancias un 50% con respecto ao exercicio anterior. “O PP ten que deixar de actuar como accionista desta entidade privada e defender o interese público”, afirmou.
Grande teatro público para Vigo
Por estes motivos, dende o BNG reiteraron a proposta realizada nos últimos anos de recuperar o Teatro Cine Fraga para o converter nun grande teatro público, diante da carencia dun espazo similar na cidade. “Vigo precisa e merece dun espazo que sexa motor do enorme talento que existe na cidade nas artes escénicas, nun centro cultural de referencia a nivel galego e peninsular”, valorou Igrexas.
Sobre a proposta dun consorcio público-privado, chamou á participación de todas as administracións públicas, incluído o propio Concello de Vigo. Un proxecto que, advertiu, debe contar coa opinión das e dos axentes culturais da cidade para a súa definición, tendo presente que Vigo é sede da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza.