O BNG expresa a súa preocupación polas “turbulencias” en Barreras a insta a Xunta a actuar para asegurar o futuro do estaleiro
A fronte nacionalista demanda a entrada de Xunta e Estado no accionariado e consello de administración de Barreras para garantir a súa viabilidade.
Xabier P. Igrexas: “A Xunta non pode seguir ollando para outro lado, cómpre que se despreguen políticas industriais que blinden a continuidade do naval vigués”.
O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá en Vigo un encontro cunha representación do Comité de Empresa do estaleiro Barreras. Na xuntanza participaron as seccións sindicais da CIG, UGT e CCOO, e polo BNG tomaron parte o concelleiro, Xabier P. Igrexas, a deputada, Carmela González e mais o portavoz nacionalista de Industria no Parlamento galego, Mon Fernández.
O BNG e a representación sindical puxeron en común a situación que atravesa o estaleiro que “non é boa”, segundo explicou Igrexas en comparecencia diante dos medios de comunicación. Neste sentido, o edil sinalou as “turbulencias” que atravesa Barreras e que se manifestan na retirada das empresas auxiliares, coa saída de 700 dos preto de mil traballadoras e traballadoras que estaban operando no estaleiro. Unha situación que podería comprometer o calendario de traballos do Evrima, o que dificultaría as previsións económicas da compañía.
Igrexas lamentou tamén que, desde o cambio de dirección do estaleiro, non se teñan producido avances no que ten a ver cos proxectos pendentes de Havila e Armas, e que non se teñan concretado novas encomendas. “Temos moitos anuncios, todos eles condicionados á entrega do Evrima, pero máis nada”, resumiu.
O portavoz municipal nacionalista lembrou que o acordo de reestruturación económico-financeira que se atinxiu a inicios de ano e que permitiu salvar a situación límite que atravesa Barreras a finais de 2019, foi posíbel “grazas ao enorme esforzo da industria auxiliar a quen se lle adebedan 20 millóns de euros e tamén á intervención pública, a través do Cesce, que o BNG empurramos con decisión a través do noso deputado no Congreso, Néstor Rego”.
A fronte nacionalista urxe que desde a administración pública se asegure o futuro do estaleiro, como maneira de garantir a viabilidade do conxunto do sector naval nun contexto marcado polo risco de desaparición real de Vulcano. “A Xunta non pode seguir ollando para outro lado, cómpre que se despreguen políticas industriais que blinden a continuidade do naval vigués”, esixiu Igrexas.
Intervención pública
Pola súa parte, o portavoz de Industria do BNG no Parlamento galego, Mon Fernández, reiterou a demanda dunha intervención pública en Barreras. Fernández, lembrou que o estaleiro vigués ten recibido unha importante cantidade de fondos públicos, en forma de subvencións ou de avais e garantías, o que xustifica que “Xunta e Goberno central entren no consello de administración de Barreras, a través dunha participación no accionariado”, co obxectivo de blindar a súa viabilidade e poñer fin a estas crises cíclicas que a poñen en risco.
O deputado nacionalista chamou a que o “carácter estratéxico” do sector naval, se concrete en políticas decididas para o seu impulso na ría de Vigo e no conxunto do País, salientando as enormes potencialidades que Galiza ten nesta actividade.
O Bloque comprometeuse co Comité de Empresa de Barreras a seguir defendendo o sector naval tanto a nivel galego, estatal como no relativo aos fondos europeos. “No que de nós dependa seguiremos a dar a batalla polo futuro deste sector”, afirmaron. De por parte, a representación sindical trasladou o seu agradecemento polo compromiso permanente do BNG en relación a Barreras e ao conxunto do sector.