O BNG desmonta as falsidades de Caballero sobre a nova A-52: “A alternativa é liberar de peaxe a AP-9”

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal de BNG do Vigo

A fronte nacionalista acusa o alcalde de “inventar datos e tempos” para xustificar a ampliación da autovía e rexeitar a liberación da autoestrada como solución á sinistralidade da A-55

Afea o desprezo do rexedor cara as decenas de miles de veciñas e veciños que formularon alegacións ao proxecto diante dos graves impactos sobre o rural vigués

Xabier P. Igrexas: “Caballero quere que, durante seis anos como mínimo, teñamos que seguir escollendo entre xogarnos a vida pola actual autovía ou pagar peaxes"

O BNG desmonta as falsidades de Caballero sobre a nova A-52: “A alternativa é liberar de peaxe a AP-9”

O Bloque Nacionalista Galego vén de desmontar as falsidades do alcalde de Vigo, Abel Caballero, en relación á A-52. A fronte nacionalista reacciona así ás continuas mentiras e descualificacións do rexedor das últimas semanas, acusándoo de “inventar e falsificar datos e tempos” para xustificar a ampliación da autovía e rexeitar a alternativa de liberar de peaxe a AP-9.

“O único que evidencia Caballero é o seu razoábel nerviosismo”, afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeando que o alcalde insista “como un condutor kamikaze” neste proxecto malia a enorme oposición veciñal e social, con case 30 mil alegacións. Convidou nese sentido ao rexedor a deixar a “sobreactuación e aprender do talante” do propio Ministerio de Transporte, quen afirmou as que vai estudar.

Igrexas considerou sorprendente que o rexedor se indigne coa oposición do BNG á prolongación da A-52. Todo pese a que o BNG sempre expresou, en todas as institucións, de forma clara o seu rexeitamento, por exemplo durante a aprobación inicial e provisional do novo PXOM. “Votamos non con argumentos sólidos contra a pretensión de tronzar as parroquias rurais da cidade coa nova autovía e tamén co vial PO-010”, defendeu, asegurando que o único chamativo é o “xiro cínico” do PP que non votou en contra no Plan Xeral e agora afirma rexeitar os viais.

“Pagar ou xogarse a vida”

O portavoz municipal do BNG de Vigo tachou de “miserábel” que Caballero use a elevada sinistralidade viaria da A-55 como “escusa para impoñer” o proxecto. “A única medida que ofrece o alcalde é agardar como mínimo até o ano 2031, data que el fixou para inaugurar a nova autovía”, criticou Igrexas, lembrando que a perigosidade da A-55 foi causada pola falla de actuacións dos sucesivos Gobernos españois de PP e PSOE.

“Abel Caballero insiste nunha disxuntiva aberrante: como mínimo durante seis anos teremos que seguir escollendo entre xogarnos a vida pola actual autovía ou pagar peaxes na AP-9”, lamentou o voceiro nacionalista. “É claro por tanto que o proxecto de ampliación da autovía non vai resolver este problema de seguridade vial”, engadiu.

“Datos e tempos inventados”

Outro dos argumentos esgrimidos polo alcalde de Vigo, e que o Bloque vén de desmontar, está relacionado cos tempos dos traxectos. “Abel Caballero falsifica ou directamente inventa datos e tempos para tentar xustificar o inxustificábel”, acusou Igrexas, quen ironizou sobre se “Google Maps forme parte do contubernio antiVigo que denuncia en cada declaración o alcalde”.

O voceiro nacionalista asegurou que a alternativa que defende o BNG, coa liberación de peaxes da AP-9 e da AG-57, supón unha diferenza de apenas dous minutos de viaxe fronte ao uso da A-55, pola que actualmente circulan dez veces máis vehículos que pola autoestrada cuxo trazado vai paralelo. Tanto dende o centro da cidade, como dende a zona sur a través da VG-20 como da zona norte, a diferenza de tempos é mínima, segundo comprobaron no Bloque.

Estudo de alternativas

Igrexas asegurou que esta alternativa precisa de actuacións para mellorar as conexións da AP-9 co resto da rede viaria, mais cualificou de “disparate” que Abel Caballero rexeite esta posibilidade sen tan sequera ter realizado o Ministerio un estudo da mesma. “Se tan convencido está dos seus argumentos non sabemos por que non se suma a esta petición”, demandou o portavoz do Bloque.

En relación ás acusacións do alcalde sobre que o BNG pide destinar os 400 millóns que se estiman para a nova autovía a outras actuacións fóra da cidade, Igrexas tahcou de “fabulación” as palabras do rexedor. “Sabemos que Abel Caballero non lle di a verdade nin ao seu médico, pero é inaceptábel que minta con tanto descaro”, reprochou, retando o alcalde a presentar unha proba desas acusacións ou, en caso contrario, que se retracte.  

Respecto á veciñanza

Dende o BNG pediron tamén “respecto” por parte do alcalde e do Goberno municipal cara a veciñanza de Bembrive que se opón a este proxecto, con 30 mil alegacións en contra e con outros tantos vigueses e viguesas apoiando as súas reivindicacións. “Pode que non vivan na Quinta Avenida de Nova Iorque, pero teñen dereito a defender non só as súas vivendas senón tamén a súa parroquia e a súa biodiversidade”, afirmou Igrexas.

O portavoz do Bloque tachou de falso que todo Vigo queira a autovía, como afirma o alcalde, e afeou que negue os graves impactos da ampliación da autovía. “A maiores das expropiacións directas, as afeccións dunha vía de alta capacidade como unha autovía van moi alén, e no caso de Bembrive terán un impacto brutal: a nivel ambiental, a nivel social e tamén a nivel territorial tronzando a parroquia”, explicou.

Alternativas ao uso do coche

Aliás, dende o BNG discreparon co PSOE e co PP en reducir o debate a un trazado sobre a autovía en lugar de abordar un novo modelo de mobilidade para a maior cidade galega e a súa área. Por estes motivos, as iniciativas nacionalistas demandan tamén medidas para promover o transporte colectivo e reducir o número de coches que circulan.

“Con máis e mellor transporte público e co despregamento dun tren de cercanías que conecte Vigo con Tui, polo sur, como tamén reclamamos polo norte con Pontevedra”, defendeu Igrexas, asegurando que non facilitar alternativas ao vehículo privado é “un suicidio en termos ambientais” nesta altura, en especial para un PSOE que di defender a Axenda 2030 e que en 2019 se sumou á declaración por parte do Pleno da situación de emerxencia climática.
O BNG desmonta as falsidades de Caballero sobre a nova A-52: “A alternativa é liberar de peaxe a AP-9”