O BNG de Vigo propón unha comisión para definir con participación o futuro da Panificadora

A fronte nacionalista demanda axilidade e diálogo para garantir que a recuperación da Panificadora teña o mellor aproveitamento social e a máxima protección patrimonial

Pide que a Zona Franca aclare xa cal vai ser a súa participación no proxecto despois de que non teña avanzado no convenio que se anunciou en setembro do ano pasado

Xabier P. Igrexas:
“Sería unha oportunidade perdida e un grande fiasco lograrmos recuperar a Panificadora para a converter nun espazo multiusos sen usos claros ou nun espazo administrativo máis como parece pretender Caballero”

O BNG de Vigo propón unha comisión para definir con participación o futuro da Panificadora

O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a creación dunha Comisión Municipal para a Recuperación da Panificadora, que elabore con axilidade e participación un proxecto de usos que permita o mellor aproveitamento social deste enclave.

Así o vén de anunciar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de que no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo se aprobase por unanimidade incoar o expediente de contratación da redacción do proxecto de expropiación do ámbito da Panificadora.

“É apenas o primeiro paso a nivel administrativo, resta que se inicie e resolva o procedemento de licitación e que se elabore ese proxecto de expropiación pública que o propio Goberno municipal de Abel Caballero recoñece que se demorara entre 10 e 12 meses”, explicou.

Igrexas defendeu o voto favorábel do BNG como un acto de “coherencia coa posición que sempre mantivemos a prol da conservación e recuperación pública dunha peza patrimonial tan valiosa como a antiga Panificadora”. Unha posición, lembrou, que o BNG xa deixou “rotundamente clara”  co seu voto a prol no Pleno da modificación puntual do PEPRI, que foi deixada sen efecto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ordenando que se incorporase no novo PXOM.

Axilidade

O portavoz municipal nacionalista defendeu que é necesario “intensificar e axilizar a recuperación da Panificadora, que ten sido prometida por Abel Caballero desde o ano 2007 cando proxectaba instalar nela a mil veces anunciada Biblioteca do Estado”.

Nese sentido, demandou que o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) aclare cal vai ser o seu papel neste proxecto, despois de que non se teña producido ningún avance após o anuncio de convenio co Concello realizado en setembro do ano pasado.

“Cremos que, unha vez a nivel municipal se están dando pasos para recuperar para a cidade ese ámbito a través da expropiación pública, a Zona Franca debe concretar xa cal vai ser a súa achega neste proxecto e con que condicións”, reclamou.

Definición

Desde a fronte nacionalista subliñan que é “absolutamente fundamental avanzar na definición de usos que como cidade lle queremos dar a ese espazo”. Con ese obxectivo, o BNG vén de proporlle ao alcalde a creación dunha Comisión Municipal para a Recuperación da Panificadora, na que ademais de representantes de todos os grupos municipais da Corporación, haxa presenza de persoas expertas na protección patrimonial e unha ampla representación do tecido asociativo, incluíndo a veciñanza do propio Casco Vello, e tamén outras administracións e institucións que poden e deben participar no seu financiamento, como a Zona Franca ou o Consorcio do Casco Vello e mais a Xunta de Galiza.

“Esa Comisión ten que ter por principal tarefa definir, coa máxima participación e axilidade, un proxecto de usos para a Panificadora, que permita o mellor aproveitamento social deste enclave sen comprometer a máxima protección patrimonial” argumentou Igrexas. Traballos que defenden deben iniciarse desde xa, mentres se tramita en paralelo a expropiación dos terreos, precisamente para axilizar ao máximo que a nova Panificadora sexa realidade canto antes.


Desta maneira, o nacionalista chamou a “evitar que a indefinición acabe por torcer este proxecto de cidade converténdoo nunha casca baleira, nun novo contedor sen contido claro”. Sobre todo após a enorme preocupación que xeraron as declaracións de Abel Caballero, nunha recente entrevista xornalística, nas que abría expresamente a posibilidade a trasladar á Panificadora dependencias administrativas do Concello e aludía á falla de espazo da Xefatura da Policía Local.

En opinión do BNG sería unha “oportunidade perdida e un grande fiasco lograrmos recuperar a Panificadora para a converter nun espazo multiusos sen usos claros ou nun espazo administrativo máis como parece pretender Caballero”.

“Un enclave que ten unha pegada tan fonda na nosa historia, en pleno corazón da cidade e dun valor patrimonial inmenso, ten que ser moito máis que iso”, remachou Igrexas. Por iso, fronte á falla de ideas do Goberno desde o BNG defenden que “a mellor maneira de acertarmos é que a decisión sexa compartida, a través dun diálogo amplo e participativo”.

O BNG de Vigo propón unha comisión para definir con participación o futuro da Panificadora