O BNG pide reformar o regulamento de distincións do Concello de Vigo fronte ao “secuestro” de Caballero

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista considera necesario recuperar os mecanismos de consenso diante das “imposicións sectarias e unilaterais” do alcalde cos recoñecementos institucionais

Chama a convocar unha Xunta de Portavoces para acordar as distincións de 2025

Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel en termos democráticos que o alcalde anuncie estes recoñecementos nos medios, desprezando a representación institucional”

O BNG pide reformar o regulamento de distincións do Concello de Vigo fronte ao “secuestro” de Caballero

O Bloque Nacionalista Galego pide reformar o Regulamento de Honras e Distincións do Concello de Vigo fronte ao “secuestro” dos recoñecementos institucionais por parte de Abel Caballero. A fronte nacionalista considera necesario recuperar os mecanismos de consenso diante das “imposicións sectarias” do alcalde, que un ano máis anunciou a Medalla da Cidade e as primeiras propostas de Vigueses e Viguesas Distinguidas de forma unilateral.

“Os recoñecementos e distincións do Concello non poden seguir sendo a medalla do 'aquí mando yo' e Abel Caballero ten que respectar a pluralidade e diversidade da cidade, que non cabe nas estreitas costuras da súa conxuntural maioría absoluta no Pleno”, criticou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandando unha convocatoria extraordinaria da Xunta de Portavoces para a reforma do Regulamento, do ano 1981.

Igrexas considerou que estas decisións unilaterais de Caballero están a “desvalorizar” os recoñecementos institucionais do Concello pola imposición do “rodete absolutista e de absurdos vetos sectarios” por parte do rexedor. Fronte a isto, dende o Bloque pediron que o novo Regulamento habilite mecanismos que permitan a participación cidadá e do tecido asociativo para a eleccións das galardoadas, como xa se fai noutras cidades galegas.

De cara aos recoñecementos deste ano 2025, o portavoz municipal nacionalista demandou que a proposta da Medalla da Cidade sexa acordada pola Xunta de Portavoces, mentres que na designación de Vigueses e Viguesas Distinguidas se recuperen os mecanismo de consenso que permitían un máximo de 3 propostas por parte de cada un dos grupos municipais.

“É inaceptábel en termos democráticos que o alcalde un ano máis anuncie distincións nos medios de comunicación, desprezando de maneira aberta a representación institucional das viguesas e vigueses, afeou Igrexas. “Do que se trata é de devolverlle estes galardóns á cidade, poñendo fin ao secuestro que fai o Goberno de Caballero”, remachou.

O BNG pide reformar o regulamento de distincións do Concello de Vigo fronte ao “secuestro” de Caballero