O BNG avanza unha fronte común en contra da nova autovía Vigo-O Porriño e pola gratuidade da AP-9
A fronte nacionalista demanda que o Goberno español retire o proxecto polos seus graves impactos veciñais e ambientais: “Non vai resolver os actuais problemas de mobilidade”
Defende como alternativas liberar de peaxes a autoestrada, corrixir o actual trazado para reducir a sinistralidade vial e mellorar as conexións por transporte colectivo
O Bloque Nacionalista Galego avanza unha fronte común en contra de ampliación da autovía A-52 anunciada polo Goberno español. A fronte nacionalista demandará nas distintas institucións e concellos afectados a retirada do proxecto diante dos seus graves impactos a nivel veciñal, territorial e ambiental.
Así o manifestaron este martes após unha xuntanza na que participaron os portavoces municipais do BNG Xabier P. Igrexas (Vigo), Gustavo Barcia (Mos) e Pedro Pereira (O Porriño); a deputada provincial Manuela R. Pumar; as deputadas no Parlamento galego Alexandra Fernández e Carmela González; o concelleiro en Mos Alberto Barreiro; e o responsábel comarcal, Manuel Caride.
Para a fronte nacionalista este proxecto de ampliación da A-52 “non vai resolver os problemas de mobilidade” e advertiron de que as solucións non poden agardar anos por unha nova infraestrutura. Como alternativa, dende o Bloque defenden a liberación e gratuidade das peaxes da AP-9, que transcorre case en paralelo á autovía, realizando as melloras de accesos e conexións necesarias.
Sobre o trazado actual, o BNG urxe a que o Ministerio de Transportes acometa as melloras pendentes dende hai anos na autovía para corrixir e reducir a elevada sinistralidade vial, que non levaron adiante nin PP nin o PSOE dende os sucesivos Gobernos españois. Do mesmo xeito, as nacionalistas chaman a apostar polo reforzamento do transporte colectivo entre os concellos da área co obxectivo de rebaixar o tránsito de vehículos nestas vías.
Oposición en Vigo
No caso da cidade de Vigo, o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas, alertou de que este proxecto vai tronzar o rural vigués, con especial incidencia na parroquia de Bembrive, e tamén en Beade pola confluencia doutro vial de alta capacidade como o PO-010. “O BNG xa se opuxo a ambos proxectos, formulando alegacións e sendo a única forza que votou en contra da aprobación provisional do novo PXOM”, defendeu Igrexas.
O voceiro nacionalista en Vigo afeou nese sentido que o PP agora se amose contrario cando validou ambas infraestruturas dende a Xunta, dando luz verde ao planeamento urbanístico por parte da Axencia de Infraestruturas e da Dirección Xeral de Urbanismo.
Aliás, Igrexas esixiu unha rectificación da “posición soberbia e autoritaria” do alcalde, Abel Caballero, despois das declaracións realizadas contra da veciñanza afectada. “Reclamamos que escoite e reciba ás plataformas e deixe de desprezalas afirmando que este proxecto se vai facer si ou si malia a maioritaria oposición veciñal”, demandou.
Atropelo en Mos e no Porriño
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Mos, Gustavo Barcia, considerou este proxecto un “novo atropelo” contra o concello, polos graves prexuízos ambientais e sociais que se suman aos problemas xa existentes do actual trazado. De por parte, o voceiro nacionalista no Porriño, Pedro Pereira, secundou estas posicións denunciando que este proxecto vai ter tamén afeccións no concello e vai condicionar outras infraestruturas de mobilidade no futuro como a mellora da conexión ferroviaria.