O BNG reivindicará no Pleno de Vigo o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente da Galiza no seu 75 cabodano

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo, presentando a moción

A fronte nacionalista traslada unha moción para demandar que o Concello despregue unha ampla programación este 2025, declarado Ano Castelao, arredor da principal figura política e cultural da historia contemporánea galega

Xabier P. Igrexas: “É fundamental divulgar a súa obra e pensamento, que son un exercicio de autoestima colectiva como pobo e nación, fronte aos intentos de manipulación”
 

O BNG reivindicará no Pleno de Vigo o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente da Galiza no seu 75 cabodano

O Bloque Nacionalista Galego traslada unha moción ao Pleno de Vigo para o recoñecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como primeiro presidente de Galiza no seu 75 cabodano. A fronte nacionalista propón que o Concello despregue unha ampla programación este 2025, declarado Ano Castelao, arredor da principal figura política e cultural da historia contemporánea galega, na sesión plenaria convocada para o vindeiro luns.
 

"O BNG chamamos a poñer en valor a súa traxectoria vital, marcada por un infatigábel compromiso en favor dos dereitos nacionais do pobo galego, por unha inquebrantábel integridade ética na loita contra todo tipo de discriminacións e desigualdades, e a favor da paz desde unha sempre activa solidariedade internacionalista”, destacou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

A moción do Bloque propón tres grandes acordos á Corporación municipal. En primeiro lugar, que o Pleno reclame á Xunta o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente e do Consello de Galiza como primeiro Goberno galego da etapa contemporánea. En segundo, o apoio do Concello á declaración deste 2025 como Ano Castelao. E tamén que o Goberno local poña en marcha un intenso programa de actividades para divulgar a súa obra e pensamento.

Fronte á manipulación da figura de Castelao

“Cómpre poñer relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galiza, a súa obra artística e literaria, así como o seu humanismo e internacionalismo solidario”, defendeu o portavoz municipal do BNG, quen considerou “fundamental” reivindicar o Castelao real fronte á  “tentación do españolismo e mesmo do autonomismo de manipular e esvaciar a súa figura de toda a súa significación política e social”.

Dende a fronte nacionalista chamaron a ser fieis ao pensamento e compromiso político de Castelao como elementos “indisolúbeis” da súa figura, como símbolo do nacionalismo galego e verdadeiro Pai da Patria Galega. “O mellor antídoto fronte a manipulación de Castelao é, pois, contrapormos de maneira desacomplexada o Castelao que dedicou a súa vida enteira a promover a plena liberación nacional do noso pobo”, salientou Igrexas.

Por estes motivos, o Bloque anima a divulgar de forma masiva a súa obra como “un exercicio de autoestima colectiva como pobo e nación” contra os intentos de negar o seu legado. “A visión manipulada que instalou o franquismo tras a súa morte, desprovista de ideoloxía para utilizalo como estandarte en contra dos ideais que defendeu, constitúe unha fraude histórica que debemos corrixir”, defendeu o voceiro municipal do BNG.

“Todo o que fixo e dixo Castelao ao longo da súa vida, e en todos os lugares do mundo nos que estivo, foi esencialmente política ao servizo da nación e do pobo galego, polo que merece do maior recoñecemento tamén na maior cidade galega como primeiro presidente de Galiza, un demócrata íntegro e exemplar”, remachou Igrexas.

O BNG reivindicará no Pleno de Vigo o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente da Galiza no seu 75 cabodano