O BNG tacha de “fume propagandístico” o proxecto de Orzamentos da Xunta 2025 para Vigo

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa

A fronte nacionalista avanza unha ampla batería de emendas ás contas do Goberno de Rueda co obxectivo de “poñer fin ao abandono do PP” coa maior cidade galega

Cuestiona a falla de investimentos destinados a industria e emprego, a continuidade do modelo de recortes e privatizacións na sanidade e déficits históricos en infraestruturas

Xabier P. Igrexas: “É claro que o PP de Rueda non aprendeu nada da mensaxe contundente que as viguesas e vigueses lle enviaron nas pasadas eleccións galegas”

O BNG tacha de “fume propagandístico” o proxecto de Orzamentos da Xunta 2025 para Vigo

O Bloque Nacionalista Galego tacha de “fume propagandístico” o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2025 coa cidade de Vigo. A fronte nacionalista avanza unha ampla batería de emendas ás contas presentadas polo Goberno de Alfonso Rueda diante da falla de investimentos destinados a industria e emprego, a continuidade do modelo de recortes e privatizacións na sanidade e de déficits históricos en infraestruturas, entre outras deficiencias.

“Este proxecto de Orzamentos deixa en evidencia que o Goberno galego do PP non vai poñer fin á política de castigo e abandono que aplica contra a maior cidade galega desde hai 15 anos”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeando que os populares teñan rexeitado na última lexislatura todas as emendas nacionalistas con propostas para incrementar en até 500 millóns de euros os investimentos na urbe.

Igrexas cualificou de “especialmente grave” que os orzamentos non inclúan ningunha medida destinada á reactivación produtiva a pesar da “grave” crise industrial na área de Vigo. “Malia termos sectores estratéxicos como o naval e a automoción encarando enormes dificultades, con 7 mil empregos industriais menos que en 2009, vemos como o vindeiro ano vai ser un novo ano de brazos caídos en materia de política de emprego e de actividade industrial”, denunciou o portavoz municipal nacionalista.

Máis do mesmo en servizos públicos

No relativo a servizos públicos, dende o Bloque criticaron que a Xunta do PP manteña o modelo de recortes e privatizacións na sanidade pública, descartando nas contas o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro, a absorción de Povisa na rede Sergas e o reforzamento da Atención Primaria na cidade. No mesmo sentido, lamentaron a falla de recursos para a necesaria mellora dos colexios públicos, para aumentar o número de prazas públicas nas escolas infantís ou para completar a Escola Superior de Arte Dramático de Vigo.

Déficits históricos en infraestruturas

A desatención de importantes e históricos déficits nas infraestruturas da cidade é outro dos aspectos que levan á fronte nacionalista a considerar este proxecto de orzamentos galegos como “moi decepcionantes”. Así, lamentaron que non exista ningunha partida para a prometida ampliación do Ifevi, nin tampouco para actuacións como a ampliación do túnel de Beiramar e a construción do túnel de Xulián Estévez. Do mesmo xeito, consideran “unha irresponsabilidade descomunal” que a Xunta do PP deixe un ano máis sen financiamento o esperado Anel Verde para a protección dos montes fronte aos lumes.

“O PP non aprendeu nada”

“É claro que o Goberno de Rueda segue nas mesmas e non aprendeu nada da mensaxe contundente que as viguesas e vigueses lle enviaron nas pasadas eleccións galegas, nas que o PP foi derrotado e o BNG nos convertemos en primeira forza política en Vigo”, afeou Igrexas sobre o proxecto de contas para 2025.

Fronte a esta situación, o portavoz municipal avanzou que o BNG vai “dar a batalla até o final” para que os Orzamentos da Xunta do vindeiro ano “deixen de virarlle as costas á maior cidade galega”. Nese sentido, o Bloque iniciou xa o proceso de elaboración dunha ampla batería de emendas que van presentar nas vindeiras semanas para que “o PP comprenda dunha vez por todas que as 300 mil viguesas e vigueses somos, antes de máis, 300 mil galegas e galegos con dereitos”.
 
O BNG tacha de “fume propagandístico” o proxecto de Orzamentos da Xunta 2025 para Vigo