O BNG inicia en Vigo unha campaña comarcal para esixir a supresión das quitas das preferentes
Co obxectivo de informar sobre a situación na que se atopan os afectados e afectadas polas participacións preferentes e subordinadas e reclamar a eliminación das quitas, o BNG comeza unha rolda de actos abertos á cidadanía na comarca viguesa. O primeiro deles terá lugar mañá 3 de maio en Vigo, na Casa Galega da Cultura ás 19 horas. Este acto contará coa participación da deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e o responsable local do Bloque, Henrique Viéitez.
Para o BNG lonxe de solucionarse esta problemática, agravouse aínda máis, por mor da decisión do goberno de Mariano Rajoy de proceder a unha quita sobre os aforros das cidadás e cidadáns atrapados en participacións preferentes e obrigas subordinadas.
O Bloque Nacionalista Galego considera que esta quita é un auténtico roubo a estes pequenos aforradores. Só en Galiza vai significar a expropiación duns 600 millóns de euros, que serán transferidos desde os petos dos cidadáns para esas mesmas entidades bancarias que os estafaron.
Tras a convocatoria de Vigo, o BNG ten programados outros dous actos, que se celebrarán en Redondela, o venres 10 de maio, e en Gondomar, o mércores 15 de maio.