Iolanda Veloso lamenta que o alcalde renuncie ao consenso e a defender Peinador perante Xunta e Aena
É lamentable que o alcalde non queira consenso para defender o aeroporto de Peinador tal e como hoxe demostrou na xunta de portavoces, salientou a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, tras a reunión. A nacionalista criticou tamén que o rexidor renuncie a defender a terminal viguesa fronte as administracións que teñen competencias, Aena e a Xunta, e adopte un discurso vitimista.
Iolanda Veloso salientou que despois do debate de onte, pese a existencia de diferencias entre os grupos políticos, había algúns puntos en común para crear consenso con diferentes colectivos económicos e sociais da cidade na defensa de Peinador fronte a situación tan grave que está atravesando.
Segundo explicou a portavoz nacionalista, o alcalde recoñeceu que convocara a xunta de voceiros como resposta á demanda do BNG para formular unha declaración conxunta que recollera a demanda de igualdade de condicións para os tres aeroportos galegos.
Quitar os cartos aos vigueses
Fronte a situación tan grave que atravesa Peinador, o alcalde renuncia defender o aeroporto fronte a Xunta e Aena, adopta un discurso vitimista e quere quitar os cartos aos vigueses e ás viguesas para regalarllos ás aeroliñas, denunciou Iolanda Veloso en resposta aos medios.
Para a nacionalista, é moi sorprendente a actitude do alcalde de hoxe, xa que segundo criticou neste tema quere facer o mesmo que fai o PP desde o goberno da Xunta e o Estado, que é quitarlle os cartos á cidadanía viguesa para suplir o que deben facer outras administracións.
Iolanda Veloso denunciou que a actitude do alcalde renunciando a reclamar ás administracións que teñen competencias aeroportuarias dificulta enormemente a tarefa de defender Peinador, especialmente despois de ter aprobado onte dúas mocións no sentido de que tanto se hai subvencións como se non, o importante é a igualdade de condicións para os tres aeroportos.
Atender as necesidades de Peinador
Iolanda Veloso criticou ademais que o alcalde quera defender Peinador cual chairego solitario, mantendo unicamente axudas desde o Concello. Pero esta non é a solución para o aeroporto. Temos que reclamar ás administracións competentes que atendan as necesidades do noso aeroporto, subliñou.
A portavoz municipal nacionalista reiterou que para o BNG é fundamental o consenso como vía para garantir o futuro de Peinador e buscar nexos comúns para defender o aeroporto vigués conxuntamente.