O BNG acada o respaldo do pleno para que a Xunta constrúa unha estación do AVE intermodal

O BNG acada o respaldo do pleno para que a Xunta constrúa unha estación do AVE intermodal

No apartado de preguntas Iolanda Veloso demanda información polo peche do Súbete ao Castro e a moción aprobada en xuño que instaba a colocar pictogramas nos espazos públicos

 

Vigo, 22 de decembro de 2014.- No pleno de hoxe, o Bloque presentou dúas emendas a sendas mocións do grupo socialista e do grupo popular, que foron aprobadas por unanimidade. No primeiro caso, a proposta nacionalista subliña a necesidade de instar ao goberno da Xunta que constrúa a estación de autobuses anexa á estación do AVE, con conexións directas coa AP9, o porto, o aeroporto e o campus universitario, co obxectivo de que a estación de Urzáiz sexa intermodal.

“O BNG vai seguir pelexando por ter unha estación intermodal aínda que sexa difícil porque o PP está empeñado en negarlle todo a Vigo porque non goberna a cidade e o alcalde prefire ir de vítima en lugar de defendela nos temas importantes”, dixo o concelleiro Xabier Alonso ao respecto.

Ademais, e a respecto da moción dos populares na que instan ao goberno municipal a poñerlle o nome de Jules Verne a unha rúa da cidade, o concelleiro Santi Domínguez propuxo, en nome do Bloque, que esa iniciativa fose trasladada á Comisión de Rúas do Concello de Vigo.

Preguntas

A voceira municipal do BNG lembrou que no pleno do mes pasado preguntou polo peche do Súbete ao Castro, ao que o goberno local contestou o pasado venres por correo electrónico que o peche é debido a que “estase procedendo á avaliación do estado do inmoble por parte dos técnicos municipais”.

“Cal é o prazo de duración desa avaliación”, cuestionou ao respecto Iolanda Veloso, quen tamén demandou información sobre a moción aprobada o pasado mes de xuño sobre a colocación de pictogramas nos espazos públicos. Ao respecto, o alcalde respondeu que se contestaría por escrito.

Ademais, neste punto da orde do día do pleno, o edil Xabier Alonso fíxose eco dunha polémica sobre o cambio de nome ao cruce de Peniche polo de praza das Apertas. O concelleiro resaltou que se trata dun nome único en todo o Estado, polo que preguntou se é certo que o goberno ten a intención de facer este cambio. Aínda que o alcalde recoñeceu a existencia de informacións ao respecto, asegurou que “non hai ningunha intención de cambiar o nome”.

 

O BNG acada o respaldo do pleno para que a Xunta constrúa unha estación do AVE intermodal