O BNG insta o Concello de Vigo a opoñerse ao novo recheo portuario no Berbés
- O concelleiro, Xabier P. Igrexas, demanda que o Goberno municipal utilice todos os medios administrativos e legais para evitar que se efectivice o aterramento no pantalán 2 da dársena de Bouzas.
- A fronte nacionalista reitera que “o tempo dos recheos na Ría de Vigo rematou” e chama a apostar por un desenvolvemento “sustentábel e racional” do Porto
Diante das informacións publicadas que apuntan que este mes de novembro poderían dar inicio as obras para acometer un novo recheo no Porto de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego vén de instar o Goberno municipal de Vigo a utilizar todos os medios “administrativos e legais” para paralizar esa nova “agresión ambiental contra a Ría”. O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, demanda tamén que o executivo de Abel Caballero informe de cal foi a posición dos representantes municipais no Consello de Administración da Autoridade Portuaria a respeito deste proxecto.
O novo aterramento executaríase no pantalán número dous da dársena de Bouzas, nas inmediacións do Berbés e tería por obxecto ampliar a lonxa. “O BNG temos unha posición clara e firme: o tempo dos recheos rematou”, enfatizou Igrexas.
O edil nacionalista criticou que ese recheo para alén do “evidente efecto ambiental” terá tamén efectos negativos a nivel paisaxístico e dificultará a integración urbana da faixa litoral no Berbés, “unha tarefa que sigue pendente”. Aliás, Igrexas advertiu de que a ampliación da lonxa nesa localización suporá acabar coas vistas privilexiadas que ten a cristaleira do hall do Auditorio Mar de Vigo.
Desde a fronte nacionalista denuncian a “irracionalidade” da Autoridade Portuaria presidida por López Veiga, que “teima na aberración de seguir gañando metros ao mar cementando a nosa Ría”, malia non dispor nin dunha Delimitación de Usos e Espazos Portuarios nin dun Plan Especial. Lembran que a cidade xa ocupa arredor de 3 millóns de metros cadrados do seu litoral.