Olaia Fernández denuncia que o PP rexeita aumentar a asignación ao Marco

Olaia Fernández denuncia que o PP rexeita aumentar a asignación ao Marco

Davila destacou na Comisión de Cultura a necesidade de incentivar esta dotación cultural porque “é un referente da arte contemporánea de Galiza”

 

Madrid, 25 de marzo de 2015.- O grupo popular rexeitou esta tarde a proposición da portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, que instaba ao Goberno a aumentar a aportación económica destinada polo Ministerio de Cultura ao Museo Marco de Vigo. A deputada do nacionalista aceptara previamente unha emenda do grupo socialista que concretaba a partida a destinar ao Museo Marco en 300.000 euros.

Olaia F. Davila lembrou que no ano 2002 representantes do concello vigués, da extinta Caixanova, da Xunta e da Deputación de Pontevedra creaban a Fundación Marco. No ano 2006 tamén entraba o Ministerio de Cultura a formar parte do patronato da Fundación Marco, colaborando orzamentariamente co Museo através dos Orzamentos estatais. “Unhas partidas que sempre foron unha importante axuda para que o Museo puidese continuar coa súa actividade cultural”.

A deputada do Bloque expresou a preocupación pola constante redución das partidas do Ministerio que en 2014 xa reduciu a 48.000 euros e no 2015 baixou a 35.000. "Esta continua redución orzamentaria compromete seriamente a actividade cultural da Fundación”, subliñou, ao tempo que defendeu a necesidade de facer un esforzo por “coidar e preservar o patrimonio cultural e por promover a actividade neste eido porque son vehículos de transmisión do coñecemento, instrumentos da formación humana, de aprendizaxe, de exhibición das obras artísticas”.

ao seu xuízo, a demanda dunha maior implicación do Goberno central no Marco “é importante para Vigo por ser un referente da arte contemporánea de Galiza”.

 

Olaia Fernández denuncia que o PP rexeita aumentar a asignación ao Marco