O BNG urxe unha intervención pública en Barreras para garantir o futuro da actividade e do emprego no naval de Vigo
A fronte nacionalista rexistra unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixir que a Xunta deixe de ignorar a grave situación do estaleiro vigués e actúe con urxencia para evitar a súa liquidación ou desgaxamento.
Carmela González: “Os continuos vaivéns que sufriu Barreras desde a súa privatización son froito da incapacidade do capital privado. Fracasos como Pemex ou o recente de Ritz-Carlton foron operacións que contaron co patrocinio do goberno de Feixóo”.
Xabier P. Igrexas: “A desaparición de Barreras sería unha mazada definitiva para un sector estratéxico para Vigo, a súa comarca e o conxunto de Galiza. É un sector irrenunciábel para a necesaria reactivación industrial na nosa cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego urxe unha intervención pública directa en Barreras diante do risco de liquidación ou desgaxamento, unha proposta que busca garantir a continuidade da actividade produtiva e do emprego dunha peza chave do sector naval e industrial da comarca de Vigo. A medida forma parte dunha batería de iniciativas rexistradas pola fronte nacionalista no Parlamento galego para esixir unha actuación urxente da Xunta que asegure o futuro do maior estaleiro privado do Estado.
“O Goberno galego ten que poñerse á fronte para solucionar a grave situación na que se atopa Barreras. Hai que tomar medidas que garantan a viabilidade e o emprego no estaleiro porque do seu futuro depende o sector naval na ría de Vigo”, reclamou a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González, que criticou a continuada inacción da Xunta pese as advertencias do Bloque sobre a situación límite do estaleiro, neste momento en proceso de concurso de acredores, sen actividade, co persoal en situación de ERTE e numerosas empresas auxiliares afectadas.
"Casos como Pemex ou o recente de Ritz-Carlton foron operacións que contaron co patrocinio do goberno de Feixóo”, subliña a deputada no Parlamento galego, Carmela González.
Desde o BNG consideran a intervención pública directa como unha solución de futuro para garantir carga e postos de traballos diante dos reiterados “fracasos” da xestión por parte da Xunta do PP, que insiste en apalancar financeiramente á empresa a cargo de recursos públicos. As nacionalistas alertaron tamén de que non existen garantías, nin información suficiente, sobre as diferentes ofertas para a adquisión do estaleiro. “Os continuos vaivéns que sufriu Barreras desde a súa privatización son froito da incapacidade do capital privado para poñer en marcha as súas enormes potencialidades produtivas. Casos como Pemex ou o recente de Ritz-Carlton foron operacións que contaron co patrocinio do goberno de Feixóo”, subliñou González.
Silencio de Goberno español e Concello de Vigo
A fronte nacionalista insistiu ademais na necesidade dunha resposta “máis enérxica, firme e contundente” por parte do Goberno español e do Concello de Vigo que, para alén da inacción da Xunta como administración con competencias en materia industrial, teñen responsabilidades perante unha “ameaza gravísima” contra o futuro produtivo en Vigo.
“A desaparición de Barreras sería unha mazada definitiva para un sector estratéxico para a nosa cidade, a comarca e o conxunto de Galiza. Un sector irrenunciábel para a necesario reactivación industrial”, sinalou pola súa parte o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que criticou o silencio do alcalde, Abel Caballero, ante a situación crítica da industria viguesa, nomeadamente do sector naval.
“A desaparición de Barreras sería unha mazada definitiva para un sector estratéxico para a nosa cidade, a comarca e o conxunto de Galiza", alerta o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas censurou que o rexedor da cidade inda non teña convocado unha xuntanza extraordinaria do Consello Social de Vigo, tal como se comprometeu semanas atrás para afrontar a crise do sector. “A que espera Abel Caballero? A que o estaleiro Barreras teña desaparecido?”, preguntouse o edil nacionalista. “Non podemos permitirnos como cidade o luxo de ver desaparecer un dos nosos principais estaleiros. É intolerábel que a inacción de todas as administracións (Xunta, Estado, Concello) poña en xaque definitivamente o futuro de Barreras e con el o do sector naval de Vigo”, engadiu.