O BNG demanda unha enérxica intervención pública ante a continua perda de empregos na industria de Vigo

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Culpa ás “nefastas” políticas da Xunta gobernada polo PP do novo aumento do paro na industria viguesa, que perdeu 3.500 postos de traballo dende 2009

Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar a inacción do Goberno de Rueda nin aceptar que o futuro da nosa cidade se limite a ser un parque temático para o turismo de excursión”

O BNG demanda unha enérxica intervención pública ante a continua perda de empregos na industria de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego demanda unha enérxica intervención pública diante da continua perda de empregos na industria de Vigo. Así o reclamou este martes o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen culpou desta perda de músculo industrial ás “nefastas” políticas da Xunta gobernada polo PP.

A fronte nacionalista alerta de que os últimos datos oficiais de paro evidencian que o desemprego na industria viguesa aumentou nun 2,5% en marzo, e até un 5% durante o último semestre. Un problema que “vén de lonxe”: dende o ano 2009, destruíronse 3.500 postos de traballo e, na última década, desapareceron o 18% das empresas do sector.

“Mentres se destrúe emprego industrial o que medra é a precariedade, con máis contratos temporais, máis parcialidade e salarios que non chegan”, advirte Igrexas, lamentando que hoxe hai moitas familias traballadoras na cidade que “non poden vivir con dignidade malia ter un emprego”.

O portavoz municipal do Bloque sinala de forma directa ao Goberno de Alfonso Rueda. “Non podemos tolerar a súa inacción mentres a desertización produtiva da maior cidade do noso país avanza sen freo”, censurou. Do mesmo xeito, cuestionou aceptar que o futuro de Vigo “se limite a ser un parque temático para o turismo de excursión”.

Políticas “decididas e valentes”

Frente a este contexto, o BNG reitera a esixencia de despregar unha “enérxica” intervención pública para que Vigo volva ser o “potente pulmón produtivo” de Galiza. “Para poñer poñer en marcha as enormes potencialidades que temos e nos converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, defende Igrexas.

Para o portavoz municipal nacionalista é momento de políticas “decididas e valentes” que permitan garantir “o dereito irrenunciábel a vivirmos dignamente do noso traballo na nosa terra”. Con medidas para combater o desemprego, a precariedade e a emigración, que segue expulsando de Vigo e Galiza a millares de persoas por falla de oportunidades.

Entre as propostas, dende o Bloque chamaron a poñer en marcha un Plan de Reactivación Industrial na comarca de Vigo, un Centro de Reparacións Navais e a creación dun Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico. “É hora de actuar, porque sen industria non hai futuro e Vigo non se pode resignar a seguir quedando atrás”, afirma Igrexas.

O BNG demanda unha enérxica intervención pública ante a continua perda de empregos na industria de Vigo