O BNG reclama políticas de reactivación industrial da Xunta en Vigo ante a continua destrución de empregos
A fronte nacionalista alerta da crise industrial que atravesa a cidade con 1.800 postos de traballo menos en actividades do sector no último ano, segundo os datos da EPA
Xabier P. Igrexas: “O futuro de Vigo non pasa polo monocultivo das luces de Nadal nin do Xacobeo, a cidade ten todas as condicións para ser o potente pulmón industrial de Galiza e a capital galega da innovación e a tecnoloxía”
O Bloque Nacionalista Galego reclama políticas de reactivación industrial da Xunta de Galiza en Vigo e na súa área diante da continua destrución de empregos. A fronte nacionalista volve alertar así da crise industrial que atravesa a cidade con 1.800 postos de traballo menos en actividades do sector no último ano, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) referidos ao derradeiro trimestre de 2024.
“Consolídase a desertización da base produtiva de Vigo, cun sector naval moi lonxe dos niveis de actividade e emprego que acadou e coa automoción que enfronta importantes incertezas, e na que avanza a deslocalización”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñando que son máis de 5.300 os empregos industriais destruídos dende a chegada dos populares ao Goberno galego no 2009.
Unha situación que, a xuízo das nacionalistas, é consecuencia directa da “nefasta” política industrial da Xunta de Galiza e tamén da falla de medidas do Goberno estatal. “Resulta moi grave como a economía da maior cidade de Galiza depende cada vez máis dun sector servizos marcado pola temporalidade no emprego, a precariedade nas condicións laborais e baixos salarios, e con actividades que non xeran valor engadido”, advertiu.
O portavoz municipal do Bloque insistiu en que o “futuro de Vigo non pasa nin polo monocultivo das luces de Nadal nin polo Xacobeo”, e reivindicou volver facer da cidade o “potente pulmón industrial” de Galiza. Nese sentido, chamou á diversificación produtiva para desenvolver as “enormes potencialidades”de Vigo como cidade universitaria e co reto de convertela na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións. “Con políticas públicas que nos permitan liderar o desenvolvemento da Eurorexión Galiza-Norte de Portugal, asentando industria moderna e sustentábel, que peche os seus ciclos produtivos aquí e xere emprego digno e con dereitos”, defendeu Igrexas.
Nese obxectivo, o Bloque urxiu un “xiro radical” das actuais políticas dos Gobernos galego e central, cunha “decidida e enérxica” intervención pública para blindar o futuro de actividades estratéxicas como o naval e a automoción. Afeou nese sentido a “política de brazos cruzados” do PP nesta materia, rexeitando todas as propostas realizadas polo BNG como despregar un Plan de reactivación industrial e produtiva na comarca de Vigo ou un Centro de Reparacións Navais.
“Mentres o PP de Rueda votou en contra de todas estas medidas recollidas nas nosas emendas aos Orzamentos Galegos, o seu goberno segue a subvencionar a empresas que deslocalizan a produción e precarizan as condicións laborais na nosa cidade”, denunciou o voceiro nacionalista.
Do mesmo xeito, Igrexas asegurou que estes datos da EPA son tamén un “aviso importante” para o Goberno municipal de Abel Caballero, a quen reprochou que gaste tres veces máis recursos en luces e adornos de Nadal que a políticas de promoción do emprego na cidade.