O BNG de Vigo defende como “irrenunciábel” o 2030 para o tren de alta velocidade con Porto

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal BNG Vigo

A fronte nacionalista critica que o PP de Vigo “celebre con xúbilo” o atraso ao 2032 afirmado polo ministro portugués de Infraestruturas

Demandan ao alcalde que lidere unha resposta firme “en chave de cidade” para urxir o Goberno español a garantir que cumpra o seu compromiso con Vigo e con Galiza

Xabier P. Igrexas: “A mensaxe ten que ser clara e rotunda: a Saída Sur non pode esperar máis”

O BNG de Vigo defende como “irrenunciábel” o 2030 para o tren de alta velocidade con Porto

O Bloque Nacionalista Galego volveu defender como “irrenunciábel” o horizonte do ano 2030 para a para a entrada en funcionamento da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto. A fronte nacionalista critica que o PP “celebre con xúbilo” o atraso ao 2032 afirmado polo ministro portugués de Infraestruturas e demanda ao alcalde, Abel Caballero, que lidere unha resposta firme convocando o Consello Social da Cidade para urxir avances ao Goberno español.

“A Saída Sur é unha cuestión estratéxica para Vigo e para o conxunto do noso País e para permitir que a nosa área lidere a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, avanzarmos nunha mellor vertebración do eixo Atlántico e alargarmos as sinerxías con Portugal que xa é o noso principal parceiro a nivel comercial”, afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas amosouse moi crítico coa posición adoptada polo Partido Popular este semana. “Temos que lamentar que o Partido Popular agora celebre con grande xúbilo o atraso ao ano 2032 afirmado polo ministro Miguel Pinto”, reprochou. Un xiro que o nacionalista cualificou de “unha contradición máis” por parte dun PP que “nunca acreditou na Saída Sur e que calou, en Vigo e Galiza, cando a súa xefa madrileña, Isabel Díaz Ayuso, reclamaba priorizar a conexión entre Lisboa e Madrid”.

“Cremos que Luísa Sánchez estréase da peor maneira como presidenta local do PP de Vigo volvendo colocarse como mera sucursal de Génova e como comisaria de propaganda da Xunta de Rueda”, afeou. En relación á nova líder local dos populares na cidade, Igrexas criticou que “de pouco serve substituír o logotipo do seu partido pola palabra Vigo para as fotos, se despois nas declaracións e nos feitos renuncias a defender e facer valer os intereses da maior cidade de Galiza”.

Para o portavoz municipal nacionalista estamos perante “unha constatación máis de que PP non ten nada que lle ofrecer á nosa cidade, que non teñen máis proxecto para Vigo que defender o indefendíbel”. “Polo momento o único que vemos no PP vigués é un cambio de caras, pero as mesmas posicións”, enfatizou.

Pasar das palabras aos feitos

O BNG demanda ademais que o Goberno español dea pasos en firme para facer avanzar a Saída Sur. “Como xa dixemos, non abonda coa rectificación por parte do executivo central das declaracións que fixera Pedro Sánchez na última cimeira ibérica priorizando Lisboa-Madrid sobre Vigo-Porto: hai que pasar das palabras aos feitos”, reclaman.

Igrexas afirmou que as nacionalistas van “seguir dando a batalla sen descasnso” para garantir que o Goberno español “cumpra con Vigo e con Galiza”. Lembrando que o BNG condicionou o seu acordo co PSOE, que permitiu a investidura de Pedro Sánchez, a que a Saída Sur sexa realidade en 2030.

Neste sentido, reiteran que van esixir que  nos orzamentos xerais do Estado se incorporen os recursos necesarios para cumprir ese compromiso. “A mellor maneira de estimular que o Goberno portugués acelere os investimentos e as actuacións no seu territorio é precisamente que o Estado español demostre, na práctica, que a conexión de AVE entre Vigo e Porto é unha verdadeira prioridade”, sostén Igrexas.

Resposta de cidade

Desde o BNG celebran que Caballero se teña sumado á defensa da Saída Sur para 2030, mais demandan do rexedor que exerza un verdadeiro liderado institucional para "evitar que o Goberno español non caia na tentación de utilizar a falla de ritmo en Portugal como escusa para remolonear”.

Con ese obxectivo, Igrexas anunciou que van solicitarlle ao alcalde que se convoque ao Consello Social da Cidade para robustecer unha posición firme de cidade sobre tres ideas fundamentais. En primeiro lugar, confirmar o carácter irrenunciábel do horizonte do ano 2030 para a Saída Sur. Esixir compromisos concretos por parte do Goberno español, nomeadamente a nivel orzamentario, para que sexa realidade. E demandar que o executivo central se coordine con Portugal para intensificar a cooperación e axilizar ao máximo os prazos.

“A mensaxe ten que ser clara e rotunda: a Saída Sur non pode esperar máis”, remachou o portavoz nacionalista.

O BNG de Vigo defende como “irrenunciábel” o 2030 para o tren de alta velocidade con Porto