O BNG lamenta que o alcalde volva desvalorizar os recoñecementos institucionais de Vigo polo seu autoritarismo

Xabier P. Igrexas no Pleno
Xabier P. Igrexas no Pleno

A fronte nacionalista afea o unilateralismo do rexedor á hora de designar a primeira Distinción Honorífica ‘Cidade de Vigo’.

Xabier P. Igrexas: “O problema non é a quen queren homenaxear, senón que este Goberno municipal queira apropiarse das distincións no seu propio beneficio”.

O BNG lamenta que o alcalde volva desvalorizar os recoñecementos institucionais de Vigo polo seu autoritarismo

O Bloque Nacionalista Galego critica que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, volva conceder unha distinción da cidade de forma unilateral. A fronte nacionalista lamenta que o Goberno municipal teña designado sen consenso co resto de forzas políticas a primeira Distinción Honorífica ‘Cidade de Vigo’, como vén sucedendo de forma reiterada con outros recoñecementos como os Vigueses/as Distinguidos/as ou a Medalla de Ouro da cidade.

Desde a fronte nacionalista subliñan que “as formas son esenciais no outorgamento de distincións e recoñecementos”. Neste sentido, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou durante o Pleno municipal extraordinario deste martes que “o alcalde e o seu Goberno municipal teñen un problema de compresión democrática. Confunden unha lexítima maioría absoluta, que o BNG recoñece e respecta, cunha especie de nova forma de monarquía absoluta”. “Só así pode explicarse que en 2018 decidisen crear esta distinción ‘Cidade de Vigo’ sen apoio de ningunha outra forza política”, incidiu.

O portavoz municipal nacionalista asegurou que o BNG “non podemos contribuír a seguir desvalorizando os recoñecementos da cidade”, polo que as nacionalistas decidiron absterse na votación inda recoñecendo os acreditados méritos da proposta. “O problema non é a quen queren homenaxear, cousa que non discutimos, senón que este Goberno municipal se queira apropiar das distincións no seu propio beneficio”.

Igrexas afeou que o goberno de Abel Caballero non fixera “nin tan sequera o esforzo formal de poñer en común esta proposta”, malia que era posíbel e desexábel un acordo “unánime” da Corporación para a concesión do recoñecemento, que recaeu no xornal Faro de Vigo e no presidente de Prensa Ibérica, Javier Moll.

Lembrou que o propio Pleno concedeu a este medio a Medalla de Ouro da cidade con consenso en 2003, baixo a alcaldía do nacionalista Lois P. Castrillo, e no ano 97 recoñeceu o Club Faro co premio Vigueses/as Distinguidos/as. Porén, criticou que nesta ocasión se teña aprobado de maneira “precipitada e caprichosa, como se fose unha especie de título nobiliario por designación real, reducindo este Pleno a unha especie de Corte de ratificación”.

O concelleiro do Bloque lamentou tamén que a proposta se teña comunicado antes á prensa que ao resto de concelleiros e concelleiras da oposición, o que demostra en opinión das nacionalistas a falla de interese do Goberno local por buscar o acordo co resto de forzas. “O único que nos sorprende é que desta volta Caballero non elixise a súa autoproclamación para inaugurar esta distinción”, ironizou Igrexas en relación o alcalde.
 

O BNG lamenta que o alcalde volva desvalorizar os recoñecementos institucionais de Vigo polo seu autoritarismo