O BNG demanda un plan de xestión eficiente e sustentábel da auga en Vigo e rexeita reabrir o debate do trasvase
A fronte nacionalista pide executar unha auditoría fronte as elevadas perdas na rede de distribución que algúns estudos cifran preto do 40%.
Propón decretar restricións preventivas no uso masivo de auga en procesos como o rego de zonas axardinadas, o uso en fontes ornamentais e deixar de baldear as rúas con auga de beber.
Xabier P. Igrexas: “A solución para posíbeis problemas de abastecemento de auga non pasa por reabrir o debate sobre unha nova agresión ambiental en forma de trasvase”.
O Bloque Nacionalista Galego demanda despregar plans de xestión eficiente e sustentábel da auga en Vigo, tanto a nivel comarcal como a nivel municipal, diante da prealerta activada pola ausencia de choivas durante as últimas semanas. A fronte nacionalista fixo un chamamento para abordar as posíbeis solucións con “rigor e responsabilidade”, polo que cualificou de innecesario reabrir o debate “falso” para un trasvase.
“É indispensábel desenvolver medidas para unha xestión racional e sustentábel da auga moito antes que insistir en falsas alternativas como un novo trasvase”, defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. Malia que os encoros de Eiras e Zamáns manteñen nestes momentos niveis que garanten o abastecemento de auga na cidade e nos concellos da súa área, o edil nacionalista pediu actuar con “prudencia” para garantir o subministro.
Así, desde o BNG reiteraron a súa proposta de poñer en marcha un Plan Comarcal de xestión eficiente da Auga. “O Concello de Vigo debera ser quen encabece unha aposta por unha xestión mancomunada da auga a nivel metropolitano”, argumentou Igrexas. Unha xestión que, a xuízo das nacionalistas, debe ser pública por tratarse dun ben esencial.
Entre as medidas a tomar, a fronte nacionalista urxiu unha auditoría integral da rede de distribución diante das elevadas perdas que, segundo algúns estudos, afectan ao 40% do subministro que circula na cidade. Ademais, pediron axilizar a modernización e ampliación da estación potabilizadora do Casal.
Igrexas chamou tamén a actuar sobre o uso masivo da auga a nivel municipal. O concelleiro do BNG na cidade pediu decretar algunhas restricións, con carácter preventivo, en procesos como o rego de zonas axardinadas, o uso en fontes ornamentais e poñer fin á “situación insólita e irracional” de baldear as rúas de Vigo con auga de beber.