O BNG de Vigo urxe alternativas para as persoas que malviven na antiga estación de buses após anunciar a Xunta o valado do recinto

A fronte nacionalista reclama cooperación entre os Gobernos galego e municipal para ofrecer recursos habitacionais ás persoas sen fogar que fan uso da antiga estación e tamén da actual intermodal en Vialia
Xabier P. Igrexas: “A pobreza non se combate con valados nin quitando as persoas empobrecidas da vista, enfróntase con políticas públicas que aposten na xustiza social”
O Bloque Nacionalista Galego urxe alternativas habitacionais para as persoas que malviven en situación de vulnerabilidade social na antiga estación de buses de Vigo. Así o reclamou o seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, após o anuncio realizado este xoves pola Xunta de Galiza de que vai proceder a pechar o perímetro do recinto cun valado para impedir o acceso das persoas sen fogar.
“É indecente que a única medida que adopte o Goberno de Rueda sexa pechar a estación sen atender antes as persoas en situación de exclusión social”, afeou o voceiro municipal nacionalista, quen culpou da situación precisamente á Xunta e ao Goberno de Abel Caballero pola “falla de verdadeiras políticas de integración e inclusión social”.
Por este motivo, dende o BNG reclamaron que ambas administracións cooperen para ofrecer alternativas habitacionais ás persoas que malviven na antiga estación, así como para aquelas que fan uso da actual intermodal en Vialia. “A pobreza non se combate con valados nin quitando as empobrecidas da vista, ten que enfrontarse con políticas públicas que aposten na xustiza social e axuden a quen máis o necesita”, subliñou Igrexas.
Insensibilidade do Goberno local
A fronte nacionalista lembrou nese sentido a obriga legal do Goberno local de brindar asistencia a aquelas persoas en situación de emerxencia social, tal como estabelece a Lei de Bases de Réxime Local. “Temos que seguir a denunciar a insensibilidade dun Goberno local que, malia xestionar orzamentos de máis de 300 millóns de euros, non ten a máis mínima vontade de ofrecer alternativas as case 200 persoas que malviven nas rúas da cidade”, lamentou o portavoz municipal do Bloque.
Igrexas denunciou a insuficiencia de recursos por parte do Concello, cun albergue municipal con menos de 40 prazas e con condicións moi limitadas e precarias. “Humanizar de verdade é poñer as persoas por diante, facendo de Vigo a a mellor cidade para vivir para todos e todas, sen exclusións”, defendeu o voceiro do BNG.