O BNG aposta por converter desde a Xunta o litoral de Vigo nun referente da protección ambiental
A fronte nacionalista compromete cun Goberno liderado por Ana Pontón a partir do 18F a modernización dos sistemas de depuración para avanzar na rexeneración da Ría de Vigo para que “deixe de ser usada como un gran sumidoiro” e poñendo fin aos recheos portuarios
Carmela González: “O BNG defendemos unha Galiza máis sustentábel que dea pasos decididos na loita contra o cambio climático protexendo os nosos valiosos ecosistemas”
O Bloque Nacionalista Galego aposta por converter desde a Xunta o litoral de Vigo nun referente da protección ambiental. Así se comprometeu a candidata viguesa Carmela González durante un acto público na parroquia de Coruxo, acompañada do concelleiro nacionalista Filipe Abalde, onde anunciaron que un Goberno liderado por Ana Pontón a partir do 18F porá en marcha a modernización dos sistemas de depuración.
“Para o BNG é urxente e imprescindíbel que a Ría de Vigo deixe de ser tratada como un gran sumidoiro para avanzar na súa rexeneración”, asegurou a candidata do Bloque, quen chamou a realizar unha auditoría integral para avaliar o “deficiente” funcionamento que presentan as depuradoras de Coruxo e Teis para que “Vigo deixe de incumprir a directiva europea da auga e conte con sistemas propios do século XXI”.
González enmarcou estes compromisos na aposta da fronte nacionalista por “unha Galiza máis sustentábel” que dea pasos decididos na loita contra o cambio climático protexendo valiosos ecosistemas como a Ría de Vigo. “O BNG non imos permitir que se sigan producindo vertidos residuais nas nosas costas”, afirmou.
Nese sentido, alertou das “insuficientes” actuacións do PP á fronte da Xunta de Galiza durante os últimos anos nos que, segundo datos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galiza, os casos de contaminación nas rías galegas foron en aumento. “Un Goberno galego do BNG terá entre as súas prioridades a defensa dos recursos mariños polo seu valor estratéxico, tanto ambiental como económico, para o futuro de sectores chave como a pesca ou o marisqueo”, destacou.
Competencias na xestión do litoral
Neste obxectivo de protexer a costa galega, dende a fronte nacionalista consideran “innegociábel” que as competencias en materia de ordenación e xestión do litoral sexan transferidas a Galiza. “O PP non moveu un dedo para reclamar esta competencia que é vital para avanzar na protección dos nosos ecosistemas mariños e na loita contra o cambio climático”, afeou a candidata do Bloque, quen lembrou que os Gobernos de Feijóo e Rueda non fixeron efectiva en 15 anos ningunha nova competencia para Galiza.
Nin un recheo máis
Outro dos compromisos do BNG nesta materia pasa por poñer “punto e final” aos recheos portuarios na Ría de Vigo que, co PP á fronte da Autoridade Portuaria, continúan a se producir co último exemplo no Berbés. González lembrou que a cidade xa lle gañou ao mar preto de 3 millóns de metros cadrados malia que “as viguesas e vigueses non queren nin un centímetro máis de cemento no noso litoral”.