O BNG promoverá unha Galiza respectuosa co benestar animal, sen zoos nin touradas
A fronte nacionalista compromete máis recursos e apoio a protectoras, refuxios e santuarios e porá fin ao uso exhibicionista de animais
Brais Ruanova: “Todas as persoas que aman os animais, que se revolven contra o seu maltrato e abandono teñen no BNG a súa papeleta este 18-F”
Xabier P. Igrexas: “Con Ana Pontón como presidenta faremos realidade a transformación de Vigozoo nun centro de recuperación de fauna e de sensibilización ambiental”
O Bloque Nacionalista Galego afirmou hoxe en Vigo o seu compromiso para despregar desde a Xunta de Galiza unha enérxica política en favor da protección dos animais.
O candidato ao Parlamento galego, Brais Ruanova, defendeu a necesidade de que a partir do 18F “haxa unha Xunta de Galiza que responda á sensibilidadedas galegas e galegos e avance en favor do benestar animal”. Nese sentido, subliñou a vontade do BNG de impulsar os cambios normativos necesarios para “poñer fin a todas as formas de maltrato animal”.
Ruanova anticipou que un Goberno galego liderado por Ana Pontón constituirá unha unidade administrativa destinada especificamente á protección animal, despregará unha estratexia galega contra o abandono e maltrato animal e ofrecerá apoio económico e técnico a protectoras, refuxios e santuarios. A promoción da adopción e máis recursos para promover a esterilización, a identificación e unha mellor atención veterinaria son outras das liñas de actuación da fronte nacionalista.
“Todas as persoas que aman os animais, que se revolven contra o seu maltrato e abandono, teñen no BNG a súa papeleta este 18-F”, proclamou o candidato, quen se comprometeu a impulsar medidas para permitir o uso de espazos públicos polos animais, a través da regulación da súa presenza en edificios administrativos, o transporte público, en albergues sociais, residencias de maiores, centros de acollida de mulleres ou vivendas tuteladas.
Transformación de Vigozoo e mellora do refuxio da Madroa
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas chamou a rematar co modelo exhibicionista que utiliza os animais. “Unha Xunta liderada polo BNG porá fin aos zoos, os acuarios de entretemento, as touradas e calquera uso de animais para espectáculo”, afirmou expresando o compromiso do BNG de cooperar desde o Goberno galego para transformar definitivamente Vigozoo nun centro de recuperación de fauna e de sensibilización ambiental.
Igrexas tamén destacou que o BNG desde a Xunta colaborará activamente para mellorar e dignificar as instalacións do refuxio de animais abandonados da Madroa, poñendo fin á precariedade que motivou graves denuncias do Seprona e garantindo unha política de “sacrificio cero”.
“O BNG logramos en decembro de 2022 que o Pleno do Concello declarase Vigo cidade contraria a toda forma de maltrato animal e este 18 de febreiro temos na nosa man elixir un Goberno galego que se comprometa a facelo realidade”, remachou.