O BNG logra o apoio do Pleno para declarar a Vigo como cidade contraria do maltrato animal
A moción formulada pola fronte nacionalista para situar a cidade como referente en políticas en favor do benestar animal resulta aprobada malia a abstención de PSOE e PP
Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos dar resposta á crecente sensibilidade ambiental da veciñanza de Vigo, que demanda avanzar no recoñecemento dos dereitos dos animais”
O Bloque Nacionalista Galego vén de lograr o apoio do Pleno municipal para declarar a Vigo como cidade contraria de todas as formas de maltrato animal e avanzar en políticas en favor do benestar animal. A moción formulada pola fronte nacionalista con 14 medidas para situar á cidade como referente nesta materia resultou aprobada co voto favorábel da Marea e malia a abstención dos grupos municipais do PSOE e do PP.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, celebrou esta aprobación que dá resposta “á crecente sensibilidade ambiental e da conciencia ecolóxica entre a veciñanza de Vigo, que demanda medidas para avanzar no recoñecemento dos dereitos dos animais”. Por este motivo, defendeu como necesarias estas propostas para colocar a Vigo na “vangarda” do benestar animal e como unha das cidades máis avanzadas no Estado.
O candidato nacionalista asegurou que “Vigo ten dado pasos significativos pero insuficientes nesta materia”, como foi a decisión municipal de prohibir no ano 2013 a realización de circos e eventos con animais en cautividade. Por ese motivo, o Bloque aposta por destinar máis medios e recursos e actualizar o marco normativo do Concello nas súas propostas.
#PlenoVigo
— BNG Vigo #VigoMáisAlá ✊🏼 (@bngvigo) December 28, 2022
👉 Moción BNG 𝗘𝗻 𝗳𝗮𝘃𝗼𝗿 𝗱𝗼 𝗕𝗲𝗻𝗲𝘀𝘁𝗮𝗿 𝗔𝗻𝗶𝗺𝗮𝗹
🗣️ @contradiscurso pic.twitter.com/kl41puQpOS
Vigo libre de maltrato animal
Entre as 14 medidas, o BNG conseguiu declarar Vigo “cidade contraria de todas as formas de maltrato animal, incluídas as touradas como expresión de tortura”. Nesa liña, as nacionalistas chamaron a elaborar unha nova Ordenanza Municipal de Protección e Benestar animal que conte coa participación de colectivos e entidades animalistas e de defensa ambiental. A respecto destas organizacións, animaron ademais a poñer en marcha convenios de colaboración estábeis co Concello que conten con axudas municipais.
Modelo exhibicionista de VigoZoo e sacrificio cero
O concelleiro do Bloque reclamou poñer fin ao “modelo exhibicionista” de Vigo Zoo, apostando pola implementación da estratexia Zoo XXI que permita reconvertelo de maneira efectiva nun centro de recuperación e estudo da fauna e como un espazo para a sensibilización social sobre a protección e o benestar animal. Demandou tamén actuar sobre o Centro Municipal de Recollida de Animais Abandonados da Madroa, ampliando e reorganizando as instalacións e avanzando cara o obxectivo de sacrificio cero.
Acceso de animais a espazos e servizos públicos
No camiño de normalizar a presenza de animais domésticos na cidade, a fronte nacionalista reclamou estabelecer medidas para permitir o acceso dos mesmos a servizos como o autobús urbano, o albergue municipal e outras instalacións públicas.
Nese mesmo sentido, abriron a posibilidade para superar as restricións de acceso ao espazo público da cidade, en particular no caso das limitacións como únicos areais autorizados para cans das praias da Foz esquerda e da Calzoa. Unha decisión adoptada polo Goberno local en 2018 que pedían modificar por “errada”, ao provocar a presenza masificada de animais nun pequeno espazo, cun impacto ambiental negativo sobre o areal e prexuízos á veciñanza da contorna pola falla de control sobre as normas de hixiene, ruídos e convivencia.
No caso dos parques caninos da cidade, na praza García Picher e da Ponte Nova, o BNG logrou o compromiso para a súa renovación, así como a creación de máis espazos urbanos para o esparcemento canino.
Servizo veterinario municipal e esterilización
O BNG conseguiu que se estude a posta en marcha dun servizo veterinario municipal, con tarifas reducidas e servizos gratuítos no caso das persoas sen fogar e de baixos recursos. De igual forma, que se despregue un programa municipal de esterilización de animais domésticos, así como garantir a aplicación do método CES (Captura, Esterilización e Solta) para controlar o número de gatos na rúa e censar as colonias existentes para unha mellor xestión en colaboración coas asociacións protectoras.
Aposta pola adopción e limitación da caza
Fronte ao actual modelo mercantilista, a fronte nacionalista aposta por un maior esforzo na promoción de adopción de animais. Tamén no avance pola limitación estrita da práctica da caza en todo o termo municipal cara a súa desaparición. E a respecto da fauna silvetre, por mellorar as medidas preventivas e disuasorias, como os pasos seguros que eviten a sinistralidade vial.