O BNG propón a Medalla da Cidade para o bombeiro Sergio Sanlés e recoñecer o Sárdoma CF e Marta Souto como Viguesas Distinguidas

Sergio Sanlés, Sárdoma CF e Marta Souto
Sergio Sanlés, Sárdoma CF e Marta Souto

A fronte nacionalista pide outorgar a título póstumo a máxima distinción do Concello de Vigo ao bombeiro falecido en acto de servizo o pasado maio

Propón distinguir á finada Marta Souto pola súa contribución en favor da lingua galega e do deporte, e ao Sárdoma CF polo seu compromiso na promoción do fútbol feminino

Xabier P. Igrexas: “Estas tres propostas están máis que motivadas polo que o BNG confiamos no apoio unánime da Corporación para o recoñecemento que merecen”

O BNG propón a Medalla da Cidade para o bombeiro Sergio Sanlés e recoñecer o Sárdoma CF e Marta Souto como Viguesas Distinguidas

O Bloque Nacionalista Galego traslada as súas propostas para os galardóns da cidade de Vigo do ano 2025: outorgar a título póstumo a Medalla da Cidade a Sergio Sanlés, o bombeiro falecido en acto de servizo o pasado maio, e nomear Viguesas Distinguidas ao Sárdoma CF e a Marta Souto, finada en outubro.

Así o anunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após a Xunta de Portavoces celebrada este luns de cara ao Pleno, convocado para este vindeiro xoves, para a votación das propostas dos galardóns. “Estas tres propostas están máis que motivadas e desde o BNG confiamos no apoio unánime da Corporación para outorgarlles o recoñecemento institucional que merecen en nome de toda a cidade”, defendeu.

Sergio Sanlés Domínguez

Dende o Bloque valoraron “a comprometida e xenerosa vocación de servizo público” de Sergio Sanlés xunto ás “súas grandes cualidades humanas, que o fixeron gozar do respecto e agarimo dos seus compañeiros e compañeiras” como merecedoras da máxima distinción do Concello de Vigo.


Traxicamente falecido en acto de servizo o 25 de maio do pasado 2024 mentres participaba nun operativo na avenida de Beiramar, un feito sen precedentes en 130 anos de historia do servizo de bombeiros de Vigo, Sergio Sanlés foi exemplo do labor imprescindíbel” en favor da seguridade por parte dos bombeiros da cidade que “demostran decote o verdadeiro significado da xenerosidade en prol do ben común”.

Sárdoma CF
A fronte nacionalista destaca a “enorme contribución” do Sárdoma CF á promoción, visibilización e valorización do deporte feminino. Dende o ano 2007, cando se crearon as súas categorías femininas, deu a oportunidade de practicar fútbol a ducias de nenas e mozas, colaborando coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria

Unha das entidades deportivas de base con maior traxectoria da cidade, é hoxe un referente e un club de elite no fútbol feminino, acadando fitos como competir nestes momentos en 3ª RFEF, categoría semiprofesional, malia o insuficiente apoio institucional. Éxitos que para o Bloque son merecedores do recoñecemento da equipa comoViguesa Distinguida.

Marta Souto González

Tristemente falecida o pasado outubro, o Bloque destaca o compromiso de Marta Souto en favor da lingua galega e da promoción do deporte como méritos para recibir, a título póstumo, o galardón de Viguesa Distinguida. “Afouta, xenerosa, cunha traxectoria ética impecábel e cunha calidade humana excepcional”, salientan.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Souto foi impulsora de numerosas accións e iniciativas en prol do galego e do seu uso social. Do mesmo xeito, como delegada provincial da Consellaría de Cultura e Deportes e, posteriormente en 2007, sendo a primeira muller en liderar institucionalmente o deporte galego, realizou un decidido traballo en favor das seleccións deportivas galegas, a promoción do deporte feminino e de base. 

O BNG propón a Medalla da Cidade para o bombeiro Sergio Sanlés e recoñecer o Sárdoma CF e Marta Souto como Viguesas Distinguidas