O BNG critica un novo arboricidio no centro de Vigo do alcalde-leñador Abel Caballero

A fronte nacionalista denuncia a talla de árbores durante o reinicio das obras no Calexón do Balado, entre as rúas Rosalía de Castro e Areal, a pesar das protestas veciñais
Xabier P. Igrexas: “A visión gris cemento do alcalde está a impedir que Vigo avance cara ao futuro máis verde que todas e todos merecemos”
O Bloque Nacionalista Galego critica un novo arboricidio do alcalde-leñador Abel Caballero no centro de Vigo. A fronte nacionalista denuncia a talla de árbores durante o reinicio das obras no Calexón do Balado, na confluencia entre a rúa Rosalía de Castro e Areal, coa excepción dun único exemplar.
“O Goberno municipal continúa actuando como un kamikaze ambiental, aplicando unha política de tallas absolutamente inxustificadas e que supoñen, no actual contexto de emerxencia climática, un verdadeiro suicidio ecolóxico”, censurou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que nos pasados días xa denunciaron actuacións similares na Avenida de Florida e nas inmediacións do monte do Castro
Igrexas lamentou que o alcalde levase adiante a súa pretensión de retirar o arboredo coa humanización da zona, malia as protestas veciñais e a posterior promesa do rexedor. Por estes motivos, as nacionalistas van esixir explicacións na vindeira Comisión Informativa de Medio Ambiente, o vindeiro luns, xunto coa comparecencia dos concelleiros responsábeis das áreas de Parques e Xardíns e tamén de Fomento.
“Este tipo de actuacións, para alén do seu grave impacto ambiental, supoñen ademais un novo incumprimento da Ordenanza municipal de Medio Ambiente”, explicou o portavoz municipal, quen anunciou que vai reiterar a proposta de elaborar un Plan Municipal de Protección do Arboredo Urbano para “poñer fin dunha vez por todas ao arboricidio permanente que padece maior cidade de Galiza”.
Dende o BNG insistiron en que neste momento urxe avanzar en sustentabilidade, multiplicando os espazos verdes e o arboredo urbano, na liña das actuacións que están levando adiante as cidades máis importantes do mundo. “A visión gris cemento do alcalde está a impedir que Vigo avance cara o futuro máis verde que todas e todos merecemos”.