O BNG de Vigo pide que as decisións sobre a Casa de Mora se tomen en base a criterios técnicos de conservación patrimonial
A fronte nacionalista reclama transparencia do Goberno municipal sobre as obras do túnel da Porta do Sol e pide facer públicos todos os informes sobre os restos descubertos.
Acusa á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de “deliberada omisión” das súas competencias por permitir que o goberno de Abel Caballero “faga o que quere”.
Xabier P. Igrexas: “A cidade ten dereito a coñecer cal é a importancia arqueolóxica do atopado e que se faga prevalecer a valoración experta sobre o capricho do alcalde”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de demandar que as decisións sobre as obras do túnel da Porta do Sol se tomen en base a criterios técnicos de conservación patrimonial. A fronte nacionalista realiza esta solicitude diante da “falla de transparencia” do goberno de Abel Caballero desde o inicio dos traballos e após a aparición de novos restos arqueolóxicos que, segundo apuntan as primeiras informacións, poderían corresponder co inmóbel da Casa de Mora, datado a finais do século XVIII e con especial relevancia na historia da cidade.
“O BNG temos que volver demandar ao Goberno municipal que faga prevalecer o criterio técnico sobre as présas para inaugurar o túnel”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que reiteran a súa demanda pola “mala experiencia” na xestión patrimonial que envolve as obras desde o seu inicio.
Igrexas lembrou como o goberno de Caballero xa actuou “con apresuramento e clandestinidade” á hora de xestionar o achado do pasadizo do Canos, desbotando de “maneira inxustificada” as recomendacións realizadas por voces expertas co obxectivo de acelerar a obra.
O edil nacionalista apuntou tamén á responsabilidade do Goberno galego pola “deliberada omisión” da Dirección Xeral de Patrimonio que continúa a “permitir que o Goberno municipal faga literalmente o que quere sen exercer nin tan sequera as súas competencias á hora de supervisar a protección do noso patrimonio”. Un asunto que a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Alexandra, Fernández trasladou a pasada semana á cámara galega sen obter ningunha resposta da directora do organismo.
Transparencia como mellor remedio
Neste sentido, o concelleiro do Bloque chamou a mellorar a transparencia arredor das obras como “mellor remedio” para evitar as continuas dúbidas sobre o impacto das mesmas sobre os restos arqueolóxicos. “Reclamamos que se fagan públicos todos os informes, en particular dos que afectan á denominada Casa de Mora, para que non pase como co pasadizo dos Canos ou cos achados da rúa Elduayen, onde o alcalde filtrou a algúns medios de comunicación só aqueles informes que lle interesaron”, criticou.
Igrexas asegurou que “a cidade ten dereito a coñecer cal é a importancia arqueolóxica do atopado e que se faga prevalecer a valoración experta sobre o capricho de Abel Caballero”, despois das declaracións do rexedor restando importancia á afectación dos novos restos para a continuidade dos traballos. “Non podemos permitir que se siga devastando a pegada histórica desta cidade polo que o BNG imos seguir defendendo a verdadeira protección integral do noso patrimonio”.