O BNG propón mobilizar 25 millóns para vivenda pública accesíbel en Vigo en lugar da “propaganda” de Caballero
A fronte nacionalista cualifica de “impostura” o anuncio do alcalde dun programa para vivenda cun orzamento de apenas 150 mil euros, menos recursos dos que vai dedicar este ano a subvencións á Igrexa Católica para actuacións sobre o patrimonio relixioso
Reclama o Goberno municipal que execute os acordos da moción do BNG aprobada polo Pleno en marzo, entre eles constituír unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social
Xabier P. Igrexas: “A Caballero preocúpalle máis o estado das casas do Señor que os moitos millares de viguesas e vigueses que non se poden permitir o luxo de vivir en Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego propón mobilizar 25 millóns de euros dos remanentes municipais para a posta en marcha dun parque público de vivenda a prezos accesíbeis en Vigo. Así o vai demandar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, na sesión da Xerencia de Urbanismo prevista para este martes en resposta ao “anuncio propagandístico” do alcalde dun programa de axudas para rehabilitación de vivendas destinadas ao alugueiro.
Igrexas cualificou esta medida de “impostura” diante da pretensión do Goberno municipal de destinar a este futuro programa apenas 150 mil euros para toda a cidade, importe que non está consignado nos orzamentos municipais deste 2024. “Falamos de menos recursos dos que Abel Caballero vai dedicar este ano a subvencións á Igrexa Católica para actuacións sobre o patrimonio relixioso”, afeou.
O portavoz nacionalista saudou o cambio de opinión do alcalde, que pasou do “negacionismo” do grave problema da vivenda repetindo que non era competencia municipal a anunciar este presunto programa. “É claro que a Caballero preocúpalle moito máis o estado das casas do Señor que os moitos millares de viguesas e vigueses que non se poden permitir o luxo de habitar a súa propia cidade”, ironizou.
Executar os acordos da moción do BNG
Dende o BNG chamaron o Goberno local a “deixar os xestos baleiros e brindes ao sol agora que repararon en que o Concello pode actuar” en materia de vivenda. Nese sentido, reclamaron que se executen os acordos da moción do BNG aprobada polo Pleno en marzo, entre eles constituír unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, destinando 25 dos 200 millóns dos remanentes municipais, como primeiro paso para dotar Vigo dun parque público con prezos accesíbeis.
“Hai recursos económicos, e é unha medida perfectamente legal que só precisa de vontade política”, defendeu Igrexas, quen considerou urxente unha enérxica intervención pública fronte a uns alugueiros que marcan máximos históricos de prezos, cun encarecemento de máis do 50% nos últimos dez anos e con habitacións compartidas que superan xa os 300 euros mensuais.