O BNG inicia unha ofensiva institucional para a cesión das vivendas da Sareb a un parque público en Vigo
Xabier P. Igrexas: “É intolerábel que unha sociedade participada maioritariamente polo Estado, e cuxos activos proveñen do mil millonario rescate á banca privada con recursos públicos, pretenda agora facer caixa xogando á especulación inmobiliaria”
O Bloque Nacionalista Galego inicia unha ofensiva institucional para reclamar a cesión das vivendas propiedade da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestructuración Bancaria (Sareb) para incorporalos nun parque público de vivenda social en Vigo. Así o vén de anunciar este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, destacando esta nova proposta nacionalista como unha das medidas para enfrontar o “grave problema” de acceso á vivenda na cidade.
“Iniciamos esta ofensiva despois de que nos últimos días a Sareb teña manifestado a súa intención de poñer á venda, a prezo de mercado, parte das 155 vivendas que posúe nunha promoción da rúa Aragón, 26 vivendas en Gran Vía e tamén 43 pisos na Privada Moderna, no Calvario, unha vez se realice a súa rehabilitación”, subliñou Igrexas, avanzando iniciativas tanto no Concello de Vigo como no Parlamento galego e no Congreso para que o ‘banco malo’, cuxo accionista maioritario é o Goberno español, destine estes inmóbeis a usos sociais.
Nese sentido, o portavoz nacionalista interpelou na Xerencia Municipal de Urbanismo sobre o compromiso anunciado pola concelleira María José Caride de que o Concello de Vigo iniciaría as xestións pero do que, un ano despois, non se coñece ningunha actuación concreta. “A cesión das vivendas é unha medida perfectamente legal que xa se está a aplicar nalgúns concellos do Estado, como Barcelona, que asinou recentemente un convenio polo que a Sareb cedía 200 inmóbeis para uso social”, explicou.
Igrexas considerou “intolerábel” a pretensión do ‘banco malo’ de “facer caixa xogando á especulación inmobiliaria” cando na cidade os prezos dos alugueiros seguen disparados, cun aumento do 70% na última década, e cando a oferta de vivendas para uso residencial se reduce cada día polo incremento das destinadas a uso turístico, camiño das 2 mil na cidade.
“Non podemos permitir que unha sociedade participada maioritariamente polo Estado, e cuxos activos proveñen do mil millonario rescate á banca privada con recursos públicos, poña á venda estes inmóbeis a prezos de mercado de até 300 mil euros, como no caso das vivendas da rúa Aragón”, advertiu, rexeitando de vez o plan do Goberno español para que as comunidades autónomas ou os concellos “repaguen” para facerse coa titularidade destas vivendas que foron rescatadas con diñeiro público.
Esta ofensiva institucional do BNG súmase ás iniciativas despregadas nos últimos meses para ofrecer alternativas a un dos principais problemas sociais en Vigo como o acceso á vivenda. Entre elas, a moción nacionalista aprobada polo Pleno municipal en marzo que incluía esta solicitude de cesión dos inmóbeis da Sareb xunto con medidas para frear o aumento dos alugueiros, declarar a cidade como zona tensionada, limitar a proliferación dos pisos turísticos e compromisos concretos para a posta en marcha dun parque público de vivenda con alugueiros a prezos accesíbeis.