O BNG urxe mobilizar os 213 millóns de remanentes do Concello de Vigo ante a ameaza do seu bloqueo
A fronte nacionalista afea que o Goberno de Caballero non teña aclarado aínda o destino destes recursos, malia o risco de seren incautados pola reactivación das regras fiscais
Xabier P. Igrexas: “Son moitas as necesidades que poderían e deberían atenderse cos remanentes, que son de todas as viguesas e vigueses e non aforro do Concello”
O Bloque Nacionalista Galego urxe mobilizar os 213 millóns de euros de remanentes do Concello de Vigo ante a ameaza de que queden bloqueados este ano. Así o reclamou este mércores o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertindo do risco de que estes “inxentes recursos” fiquen incautados pola previsíbel reactivación das regras fiscais suspendidas desde 2020 por mor da pandemia.
“Abel Caballero non ten dado resposta no que vai de ano ás reiteradas interpelacións formuladas polo Bloque para coñecer que medidas ten previsto adoptar para poder utilizar os remanentes”, lamentou Igrexas, lembrando que estes fondos non son aforro senón resultado da continuada inexecución dos orzamentos do Concello. “Son recursos achegados polas viguesas e vigueses que, pola falla de acción do Goberno municipal, non retornan en forma de políticas públicas á cidadanía”, subliñou.
O portavoz nacionalista reiterou a urxencia de actuar diante desta ameaza, afeando que o PSOE local rexeitara sen argumentos as propostas realizadas polo BNG a través dunha moción ao Pleno celebrado o pasado mes de febreiro. Unha moción que recollía 15 medidas para mobilizar 100 millóns para fortalecer os servizos públicos, enfrontar o grave problema da vivenda e do empobrecemento social, mellorar as políticas culturais, deportivas e medioambientais e poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias.
“Son moitas as necesidades que poderían e deberían atenderse con estes recursos”, considerou Igrexas, asegurando que “o Bloque non vai ficar de brazos caídos diante do desleixo e falla de xestión do Goberno municipal”. Así, anunciou que na vindeira Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda demandará que o Goberno municipal inicie de inmediato os modificativos de crédito para incorporar os remanentes nos presupostos deste 2024.