O BNG pide ao goberno que concrete definitivamente a cifra de floteis de Pemex a construír en Galiza
As deputadas do Bloque critican os continuos atrasos, lamentan que a Xunta e Soria xoguen cun tema tan importante para os traballadores de Navantia e os estaleiros de Vigo e reprochan a falla de política industrial
A deputada do BNG, Rosana Pérez, e a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentaron unha pregunta no rexistro da Cámara dirixida ao Ministro de Industria para que concrete definitivamente, cal é a cifra de posíbeis floteis de Pémex a construír polos estaleiros galegos.
Asegura o Goberno que se trata de dous floteis? Dado que a adxudicación dos contratos dos floteis de Pemex aínda ten que pasar o trámite da avaliación dunha licitación pública internacional, Qué garantías ten o Goberno de que os floteis se vaian construír nos estaleiros galegos, posto que están pendentes trámites intermedios?.
Estas son algunhas das preguntas que as deputadas do BNG dirixen ao Goberno dada a polémica suscitada polas declaracións do Ministro Soria, dicindo que aos estaleiros galegos farían só un dos floteis. A pesar dos desmentidos posteriores, as parlamentares nacionalistas consideran que o Goberno está a xogar con este importante tema para Navantia e para estaleiros da Ría de Vigo.
O PP non ten política industrial
Foi unha promesa de carga de traballo da que Feijoo presumiu na campaña electoral de 2012. Máis dun ano após, os contratos de Pemex seguen a demorarse no tempo unha e outra vez, lamentan Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila. E engaden que desde que se anunciaron estes contratos hai xa máis dun ano, só puidemos asistir a unha catarata de declaracións públicas confusas, nada claras, e cheas de contradicións.
Critican as deputadas do BNG este serial por entregas que leva máis dun ano a voltas. Mentras, as factorías de Navantia en Ferrol quedarán sen carga de traballo en tres semanas, comprometendo seriamente o seu futuro sen que o Goberno pareza sufrir ningún tipo de estrés. De igual xeito sucede cos estaleiros privados da Ría de Vigo, pendentes de que se solventen definitivamente o tema da contía a devolver pola aplicación do anterior Tax Lease e afectados pola falla de financiamento necesario para poder efectivizar contratos.
Para Rosana Pérez e Olaia Davila a política industrial do Goberno non pode ser máis nefasta, por non dicir nula. Por iso dirixen unha batería de preguntas ao Executivo: Cando calcula o Goberno que estarán listos os contratos de Pemex? Cal é a tramitación para iniciar a construción dos floteis? É consciente o Goberno da situación extrema pola que atravesan os estaleiros de Navantia?.
Ademais, as parlamentares nacionalistas queren que o Ministro de Industria explique que política comercial emprendeu con carácter urxente para lograr carga de traballo para o sector naval.