Veloso: Debería darlles vergonza estar a 25 de novembro dando a información do plan contra a crise"
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou as explicacións dadas polo concelleiro de Emprego a respecto do atraso na xestión do plan de compensación contra a crise, baseándose na complexidade da tramitación. Debería darlles vergonza estar a 25 de novembro dando a información do plan de contra a crise, subliñou a portavoz nacionalista a respecto da comparecencia efectuada a petición do Bloque.
Iolanda Veloso lembrou que foi en decembro do ano pasado cando o Bloque anunciou as emendas aos orzamentos, entre as que se encontraba este plan de compensación para as persoas con menos recursos. Contabamos con que nos catro primeiros meses do ano se desenvolvera a xestión e en maio xa estivera rematado. Fomos moi optimistas, explicou.
Para a portavoz do Bloque, este atraso débese a nula capacidade de xestión para o que non considera prioritario. Asemade recordou que no pasado pleno o BNG demandou información sobre o plan e a resposta tamén estivo relacionada coa complexidade na tramitación e criticou que o goberno local non destinara os 3 millóns inicialmente consignados, senón que dedicaran 250.000 euros a publicidade, que consideramos innecesaria.
Pregunta sobre Sogama
O concelleiro Xabier Alonso, en referencia á xuntanza que se celebrou o pasado 17 de novembre por parte de alcaldes e concelleiros disconformes coa suba do canon de Sogama, formulou unha pregunta dirixida ao alcalde se compartía dita disconformidade e se se sumará as iniciativas que propoñan.
Ademais, a portavoz do BNG formulou outra pregunta referida ao peche dos servizos públicos de O Castro, así como sobre o contenedor de lixo situado ao carón do espazo Súbete ao Castro e a deficiencia do alumeado. Se ben á primeira pregunta o alcalde manifestou o seu acordo coa reunión contra o incremento do canon de Sogama, a respecto da segunda cuestión contestou que dará resposta por escrito.