Bará propón un Plan Conxunto de Actuación para Navia liderado dende a Xunta polo BNG para superar a “confrontación estéril e paralizante de PP e PSOE”

NAVIA NOVO VIGO1
O cabeza de lista subliña a necesidade de mellorar a conectividade, a calidade urbana e os equipamentos, nomeadamente a urxencia dun novo instituto no barrio vigués
Bará propón un Plan Conxunto de Actuación para Navia liderado dende a Xunta polo BNG para superar a “confrontación estéril e paralizante de PP e PSOE”

O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará propuxo hoxe a creación dun Plan Conxunto de Actuación para o barrio vigués de Navia que permita mellorar a conectividade, a calidade urbana e os equipamentos da zona, nomeadamente desbloquear a creación dun novo instituto. Bará destacou que é preciso que o BNG lidere dende a Xunta unha folla de ruta na que se deixe atrás a parálise de investimentos e melloras no barrio pola falta de colaboración institucional e a confrontación partidista entre o PP e o PSOE que afecta á calidade de vida da veciñanza.                                                                                           

Bará manifestou o compromiso do BNG de impulsar o novo Plan de Actuacións dende a Xunta de Galiza en cooperación tanto co Ministerio de Fomento como co Concello de Vigo. Sinalou que se trata dun barrio no que viven máis de 10.000 persoas e no que está previsto un importante incremento de habitantes, ademais dun barrio moi novo -o máis novo de toda Galicia- que “merece o impulso e o compromiso das administracións públicas”.

O cabeza de lista puxo sobre a mesa esta proposta do BNG nun encontro coa asociación Vigo Novo de Navia, da que escoitou diversas reivindicacións da veciñanza que non se dan atendido. Para Bará é fundamental darlle para adiante á construción dun novo instituto, dotar ao barrio dun novo centro social e tamén mellorar as comunicacións e conectividade do barrio co resto de Vigo, xa que nestes momentos “está totalmente illado e atrapado nunha rede de intereses e enfrontamentos institucionais que hai que romper”.

A tamén candidata Alexandra Fernández tamén subliñou que nestes momentos as veciñas e veciños de Navia atópanse cercados por grandes infraestruturas que están a xerar grandes problemas tanto de ruído como de mobilidade. Subliñou que calquera nova actuación na zona deberá estar encadrada nunha estratexia de mellora da conectividade cos barrios de Coia, de Navia Vella, de Alcabe ou de Bouzas. “Hai que ter unha visión de conxunto que neste  momento é evidente que non existe e que se traducen nunha descoordinación en canto aos equipamentos e servizos públicos”, salientou.

Como exemplo Fernández incidiu en que os rapaces e rapazas de Navia teñen que trasladarse a diario a Valadares para acudir ao instituto cando existen solucións moito máis próximas, polo que subliñou que cómpre en primeiro lugar abordar a construción do instituto, pero namentres non se leva a cabo, buscar solucións que pasen por vías de proximidade.

“Este illamento físico é ademais un illamento político, porque todas as demandas veciñais rematan dándose cun muro dun goberno local e autonómico que son incapaces de dar unha resposta conxunta. É necesario un cambio da política de confrontación que tanto dano está a facer á nosa cidade para camiñar nunha vía de estratexias compartidas, colaboración que poñan no centro as urxencias dos veciños e veciñas de Navia”, finalizou.  

Apoio e solidariedade coas alumnas da ESAD

Aproveitando a súa visita ao barrio de Navia o cabeza de lista Luís Bará, e as tamén candidatas Alexandra Fernández e Carmela González, acompañadas do portavoz municipal Xabier P. Igrexas, acudiron ás instalacións da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) para coñecer de primeira man a situación de denuncias do alumnado ante a inspección educativa por abuso de poder e acoso sexual por parte de dous profesores.

Bará animou a seguir adiante a loita ao alumnado e destacou que “en situacións tan duras é importante manter o espírito colectivo e forza do grupo” para acadar respostas. Aproveitou, así mesmo, para lanzar unha mensaxe á administración educativa  asegurando que non pode mirar para outro lado porque “xa pasou ese tempo”: “Ten que actuar con valentía, afrontar a situación e tomar medidas de maneira inmediata e dar resposta. Non pode ser que pasen os días e que se intente que pase o tempo sen tomar actuacións”, subliñou.

Pola súa banda, Alexandra Fernández destacou que as denuncias públicas por suposto acoso nas aulas significan un paso adiante para as alumnas, pero tamén para as mulleres en moitos outros espazos:  “Hoxe non estamos dispostas a aceptar cousas que antes estaban normalizadas”, sentenzou.

Bará propón un Plan Conxunto de Actuación para Navia liderado dende a Xunta polo BNG para superar a “confrontación estéril e paralizante de PP e PSOE”