O BNG pide que se axilicen as altas de novas beneficiarias do SAF en Vigo e que se alargue a súa carteira de servizos

saf

Xabier P. Igrexas: “Sabemos que hai moitas persoas en Vigo agardando que se lles conceda o SAF, por iso non podemos entender que haxa máis baixas que altas no servizo”

Critican que a concelleira de Política Social inda non se reunise co Comité de Empresa e demandan que informe das listas de agarda para o acceso ao servizo.

Denuncian que só o 15% do persoal do SAF recibiu a vacina fronte a Covid19 a pesar de ser persoal de primeira liña dun servizo esencial.

O BNG pide que se axilicen as altas de novas beneficiarias do SAF en Vigo e que se alargue a súa carteira de servizos

O Bloque Nacionalista Galego demandou que se axilice o proceso de alta de novas persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Vigo e que se alargue a súa carteira de servizos. A fronte nacionalista critica que a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, inda non se teña reunido co Comité de Empresa do SAF e denuncia que o Sergas deixou sen vacinar a meirande parte das traballadoras.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo esta mañá un encontro con representantes sindicais da CIG no Servizo de Axuda no Fogar da cidade. Na xuntanza abordaron as dificultades que está a enfrontar o SAF. En primeiro lugar, as traballadoras lamentan a falla de interlocución directa co Concello e que a concelleira de Política Social inda non teña recibido ao Comité de Empresa moitos meses despois de ter solicitado unha xuntanza con ela. Un feito “incomprensíbel e inaceptábel” para Igrexas, polo que urxe o Goberno municipal de Abel Caballero a “sentarse a escoitar ás traballadoras dun servizo fundamental na política social do Concello”.

Ademais, a pesar da propaganda oficial en relación ao proceso de vacinación a meirande parte do plantel do SAF vigués inda non recibiu nin a primeira dose da vacina. “A nefasta xestión que a Xunta do PP está a facer da vacinación ten provocado que menos do 15% das traballadoras do SAF de Vigo recibiran a vacina, a pesar de seren persoal esencial que traballa directamente na primeira liña e nunha evidente exposición ao coronavirus. Hai que resolver isto canto antes”, esixiu.

O portavoz municipal nacionalista expresou a súa preocupación pola evolución do SAF en Vigo, que hoxe atende a menos dun millar de persoas e que nos últimos meses recibiu máis baixas que altas de novas usuarias. Neste sentido, Igrexas demandou que o Concello informe de maneira transparente de cantas persoas están en lista de agarda pendentes de que se lles conceda o SAF e instou a axilizar a tramitación das novas altas. “Sabemos que hai moitas persoas en Vigo agardando que se lles conceda o SAF, por iso non podemos entender que haxa máis baixas que altas no servizo ou que non se teña dado nin unha soa alta para as usuarias do denominado grupo 1, que son as que presentan un maior grao de autonomía persoal”, afirmou.

Desde o Bloque subliñan que o SAF é “o máis importante instrumento da política social no Concello” polo que insisten en demandar que se potencie dimensionándoo de acordo coas necesidades dunha cidade onde hai moitos millares de persoas con dependencia, soas ou de escasos recursos que precisan asistencia.  Aliás, propoñen que se alargue a carteira de servizos que presta o SAF, en aspectos como o acompañamento das persoas para a realización de xestións e trámites ou a organización de actividades comunitarias, así como que se aposte por unhas condicións máis flexíbeis e personalizadas para ofrecer a atención máis adecuada a cada perfil.

Precariedade

Pola súa banda, Rosa Couto, delegada da CIG no Comité de Empresa do SAF, advertiu que as melloras anunciadas pola concellaría de Benestar poden ficar reducidas a aplicación do convenio colectivo a través dun acordo que se está a promover entre o Comité e a actual empresa concesionaria, Servisar. “No caso de chegarmos a un acordo o que estamos vendo é que este non se vai poder efectivizar cos datos que temos a día de hoxe, xa que o Concello non está a cursar altas suficientes nin para compensar as baixas destes meses”, advertiu.

Desde a CIG critican tamén a “rixidez” coa que se está a organizar o servizo por parte do Concello, impoñendo basicamente tres faixas horarias fechadas (de 8 a 10, de 13 a 15 e de 19 a 22h) o que provoca concentrar a carga en moi poucas horas, facendo imposíbel o aumento dos contratos e impoñendo unhas inda peores condicións laborais. “Con este modelo de faixas horarias o que provocan son horarios incongruentes, que non se axeitan ás necesidades das familias nin das usuarias, desprazamentos entre servizos imposíbeis de facer no tempo establecido e contratos a tempo parcial e con xornada partida que non permiten a conciliación”, explicou Couto.

A delegada sindical volveu demandar a municipalización do SAF para que este servizo “non dependa de empresas privadas que o único que buscan é o seu lucro”. 

O BNG pide que se axilicen as altas de novas beneficiarias do SAF en Vigo e que se alargue a súa carteira de servizos