O BNG advirte que a nova Cidade da Xustiza de Vigo non resolve todas as necesidades do partido xudicial
Alertan da incerteza que envolve o traslado da actividade xudicial ás novas dependencias, sen que o persoal nin a súa representación sindical coñezan a súa planificación.
Denuncian de que existen dúbidas sobre a funcionalidade dos novos espazos para o rexistro civil, medicina legal e policía autonómica.
A fronte nacionalista demandará no Parlamento galego que o Consello de Contas audite o sobrecusto dun 30% das obras dos novos xulgados.
O Bloque Nacionalista Galego vén de advertir que a nova Cidade da Xustiza de Vigo, que encara o treito final das súas obras, non vai resolver todas as necesidades da administración de Xustiza no partido xudicial de Vigo. A fronte nacionalista recolleu a preocupación do persoal a respeito da idoneidade e funcionalidade dos novos espazos deseñados. Anuncian que demandarán no Parlamento galego unha investigación do Consello de Contas para aclarar os motivos do sobrecuste dun 30% que fará que o proxecto supere os 40 millóns de euros.
A deputada, Carmela González, e mais o deputado e portavoz de Xustiza do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés, canda o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, mantiveron esta mañá en Vigo un encontro con representantes sindicais da CIG no sector da Xustiza. Na xuntanza, as nacionalistas recolleron as necesidades de reforzo, con máis unidades xudiciais e persoal para os xulgados de Vigo.
O próximo traslado da actividade xudicial aos novos xulgados provoca tamén preocupación no persoal, toda vez non se coñece a planificación coa que se executará e nun contexto no que os xulgados vigueses xa acumulan, arestora, preto de 22 mil casos pendentes de resolución. A Xunta de Persoal non dispón de información clara nin concreta de como se vai organizar o traslado nin tampouco da súa temporalización, o que fai difícil de crer que poida producirse no presente ano pola complexidade loxística e operativa que vai ter a mudanza.
Outra das problemáticas que envolve a nova Cidade da Xustiza son as dúbidas sobre a idoneidade do deseño dos espazos que van ocupar servizos como o rexistro civil, medicina legal ou as dependencias para a Policía Autonómica. “Trasládannos que a día de hoxe non está claro como e onde vai funcionar un servizo tan importante como o rexistro civil, nin onde se van practicar as autopsias forenses, ou que o espazo destinado a Policía Autonómica non vai permitir aumentar a súa dotación nin competencias”, apuntou González.
Sobrecusto millonario
O BNG volveu poñer o foco no sobrecusto dun 30% nas obras dos novos xulgados, inicialmente proxectadas en 27 millóns e que van totalizar máis de 40 millóns de investimentos, e que xa denunciaron na cámara galega “Boa parte dese sobrecusto a Xunta atribúeo a dificultades construtivas, como unha maior presenza de amianto da esperada ou defectos nas estruturas, pero hai que lembrar que este proxecto contaba cun informe de estruturas e materiais, que custou máis de 100 mil euros, polo que resulta moi preocupante esta desviación”, explicou a deputada nacionalista.
Neste sentido, o deputado e portavoz de Xustiza do BNG, Iago Tabarés anunciou que demandará no Parlamento galego que o Consello de Contas audite a fondo o proxecto para coñecer de maneira clara os motivos reais deste incremento millonario da factura.