O BNG de Vigo urxe o Goberno municipal a reabrir os parques infantís antes de semana santa
A fronte nacionalista cualifica de “propaganda sen data” o anuncio do alcalde de que se vai iniciar o proceso de contratación para reanudar a desinfección dos parques, para o que non fixou prazo e que inda non consta no perfil do contratante do Concello.
Xabier P. Igrexas: “Hai que comezar a devolverlles o espazo público ás nenas e aos nenos. Temos que facilitar o uso seguro de espazos ao ar libre para a cativada, como os parques infantís, que é quen máis o precisa”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de urxir o Goberno municipal de Vigo á reapertura de todos os parques infantís da cidade. A fronte nacionalista reclama que se reabran antes do inicio do período vacacional de semana santa e dentro das medidas de desescalada sociosanitaria.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que na actualidade só están abertos 15 parques infantís e que a meirande parte destes levan fechados desde mediados de outubro, como resultado dunha decisión “arbitraria sen ningún tipo de base científica e que o único que provocou foi a masificación dun pequeno número de parques”.
Igrexas destaca a importancia de habilitar espazos seguros ao ar libre que permitan o esparcemento das máis pequenas e pequenos. “Abel Caballero castigou as crianzas de Vigo sen parques sen ningún motivo e agora cando se están abrindo outro tipo de instalacións e dotacións públicas non hai xustificación para manter os parques fechados”, defende.
Propaganda sen data
Para a fronte nacionalista o anuncio feito hoxe polo alcalde de que a Xunta de Goberno Local acordou iniciar a licitación para reanudar a desinfección dos parques infantís, instalacións deportivas abertas e áreas biosaudábeis é “fume”. “Na orde do día da Xunta de Goberno de hoxe non figuraba ese asunto, e no perfil do contratante do Concello de Vigo non hai ningunha información sobre ese procedemento. Estamos diante de pura propaganda sen data”, reprochou Igrexas. Aliás, lembran que o Goberno municipal asegurou hai varios meses estar a traballar nesta licitación “pantasma” da que nada se sabe e que hoxe se anuncia sen concretar os prazos.
O portavoz municipal nacionalista entende que a reapertura debe producirse coincidindo co inicio do período vacacional de semana santa, precisamente para facilitar o acceso aos parques das crianzas. “Só depende da vontade política facelo, porque en xullo do ano pasado a desinfección dos parques adxudicouse en menos de 24 horas”, recordan.
“Hai que comezar a devolverlles espazo público ás nenas e aos nenos. Temos que facilitar o uso seguro de espazos ao ar libre para a cativada, como os parques infantís, que é quen máis o precisa”, remachou.