O BNG pide a Caballero que dedique "a mesma enerxía e esforzo" a combater a crise industrial da cidade que a promocionar o "nadal colosal"

E1xa1xeXIAYFss4

Xabier P. Igrexas: “Feixóo en Galiza patrocina o monocultivo do Xacobeo como única política de promoción económica e do emprego. E en Vigo Caballero promove o monocultivo das luces de nadal”.

A fronte nacionalista lembra que o PSOE tombou unha moción na que se recollía un paquete de medidas específicas para enfrontar o devalar industrial.

O BNG pide a Caballero que dedique "a mesma enerxía e esforzo" a combater a crise industrial da cidade que a promocionar o "nadal colosal"

O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que dedique como mínimo "a mesma enerxía e esforzo" a combater a grave crise industrial da cidade que a que destina a promocional o "nadal colosal". A fronte nacionalista advirte do avance da desertización produtiva e lembra que o PSOE opúxose a todas e cada unha das propostas que formularon, a través dunha moción, no Pleno do pasado mes de marzo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou esta mañá que o rexedor "presuma da programación de nadal” en FITUR cando a cidade está atravesa unha grave crise industrial, con sectores estratéxicos como a construción e reparación naval nun “punto límite”.

“Feixóo e Caballero teñen algo en común, a pesar de escenificar un total antagonismo. Feixóo patrocina o monocultivo do Xacobeo como única política de promoción económica e do emprego. E en Vigo Caballero promove o monocultivo das luces de nadal”, reprochou. A este respeito, o edil acrecentou que a promoción turística é importante pero que non será suficiente para paliar o “brutal efecto” que en termos sociais, económicos e laborais está a ter o devalar industrial.

O portavoz municipal nacionalista chamou a “avanzar e superar o modelo de cidade ornamental e a política de aparencias”, centrando a acción do Concello en atender as necesidades reais das viguesas e vigueses, entre as que se atopa como prioritaria o dereito a un emprego digno e estábel. “A cidade non é unha casa de bonecas xigante. Vigo é moito máis que unha fotografía. Vigo son as máis de 24 mil persoas que están no desemprego, as centenas que fan cola nas fileiras da fame ou as moitas mozas e mozos que foron expulsos á emigración por falla de oportunidades aquí”, enfatizou.

Negativa do PSOE

Desde a fronte nacionalista lembran que o grupo municipal socialista tombou unha moción do BNG, no pleno do pasado mes de marzo, na que se recollían unha serie de medidas concretas para combater a crise industrial.

“O PSOE dixo non a esixir que Xunta e Goberno español actúen a través da intervención pública para blindar o futuro do sector naval. Dixeron non a demandar políticas específicas para fortalecer a industria da automoción diante dos reptos de futuro que enfrenta e para evitar seguir competindo con precariedade e disipar a ameaza de deslocalización. E dixeron non a alargar as políticas públicas de promoción do emprego, a principiar polo Plan Municipal de Emprego”, reprocha Igrexas.

O BNG pide a Caballero que dedique "a mesma enerxía e esforzo" a combater a crise industrial da cidade que a promocionar o "nadal colosal"