CORONAVIRUS
O BNG pide que o Concello de Vigo poña “en mínimos” todos os servizos municipais que non sexan esenciais
Diante da existencia dun positivo por Covid-19 no persoal de mantemento de parques e xardíns reclaman que se decreten servizos mínimos e reitera a demanda de paralización da obra pública non urxente.
A fronte nacionalista reitera a demanda de que a Xunta de Galiza garanta as máximas condicións preventivas nas residencias de maiores, centros de menores e de atención á diversidade funcional que fiquen en funcionamento.
Após se coñecer un caso de positivo en coronavirus entre persoal da empresa concesionaria do servizo de mantemento de parques e xardíns, o Bloque Nacionalista Galego vén de dirixir ao Comité de Seguimento do Covid-19 a proposta de que o Concello de Vigo decrete de maneira inmediata a redución de todos os servizos municipais non esenciais, tamén os de xestión indirecta, e sobre todo naqueles casos nos que polas súas características organizativas non teñen posibilidade de teletraballo. “Non ten xustificación seguir a expoñer traballadores e cidadanía ao contaxio sen unha necesidade real de servizo nun contexto extraordinario como a crise do coronavirus”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Co obxectivo de procurar a mellor eficacia das medidas de prevención colectiva e o confinamento social estabelecidos no marco da alerta sanitaria e o estado de alarma polo coronavirus, a fronte nacionalista reclama a aplicación xeneralizada de servizos mínimos, como xa vén de facer o Goberno municipal cos servizos das piscinas e ximnasios municipais. Pero demandan que na súa aplicación se evite causar ningún prexuízo económico ou laboral ao persoal empregado pola imposibilidade de execución do contrato concesional, e garantindo o respeito aos dereitos sindicais e da representación legal dos traballadores e traballadoras. O Bloque reiterou tamén a súa petición de paralización de toda a obra pública municipal que non revista carácter urxente.
Residencias de maiores
Por outra parte, Igrexas reaccionou á noticia de varios casos confirmados nunha residencia de maiores da cidade demandando da Xunta que actúe coa máxima dixilixencia para garantir as máximas condicións preventivas. Nese sentido, o concelleiro nacionalista sinalou que xa propuxeran onte ao Comité Municipal de Seguimento do Covid-19 que se dirixiran ao Goberno galego para demandarlle que proporcione os EPIs e medidas de protección fronte ao Covid-19 nas residencias e centros de maiores, centros de menores e centros de atención á discapacidade, a principiar polos dependentes da propia administración autonómica e do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
No concreto, reclaman que se dote a todo o persoal co material de protección necesario, a posta en marcha das medidas organizativas e de xestión necesarias para minimizar o risco de contaxio previstas nun plan preventivo específico e a convocatoria dos Comités de Saúde Laboral.