O BNG de Vigo propón a retirada do busto de Juan Carlos I da praza do concello

IMG_20200318_094254

Xabier P. Igrexas: “O comportamento do monarca emérito merece do reproche e da censura social” 

A fronte nacionalista celebra a “impresionante cazolada” que onte fixo resoar na cidade a indignación perante comportamentos corruptos e inmorais e que cuestiona a monarquía por “anacrónica e antidemocrática” 

O BNG de Vigo propón a retirada do busto de Juan Carlos I da praza do concello
Tras o último escándalo de Juan Carlos de Borbón, cando se vén de coñecer publicamente que o rei emérito tería recibido 100 millóns de dólares con orixe na Arabia Saudita, o BNG de Vigo propón a retirada do busto do rei emérito que está instalado na entrada principal da casa consistorial e preside a praza do concello. 

“Desde o BNG entendemos que ese comportamento por parte do monarca emérito merece do reproche e da censura social” polo que defenden que diante destes “comportamentos corruptos e inmorais” cómpre un reproche público e institucional por parte do Concello de Vigo, afirmou o concelleiro da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas. 

Para Igrexas este escándalo “pon en evidencia claros indicios de corrupción institucional e de negocios irregulares e ilegais por parte da persoa que ostentou durante moitos anos a xefatura do Estado español” e criticou a incapacidade da Casa Real de “ofrecer unha explicación razoábel e completa e de colaboraren de maneira activa para que se depuren até o final as responsabilidades legais correspondentes”. 

Monarquía anacrónica

“O rei emérito só merece o reproche e o rexeitamento, tal e como expresaron onte millares de viguesas e vigueses que fixeron resoar a súa indignación nunha impresionante cazolada”, afirmou Igrexas. Un protesto que para o BNG expresa tamén a censura social cara a propia monarquía española como “institución antidemocrática e anacrónica”. “É incomprensíbel que en pleno século XXI a xefatura de Estado sexa asumida por liñaxe de sangue, por razón de berce”, remachan.

O BNG de Vigo propón a retirada do busto de Juan Carlos I da praza do concello