CORONAVIRUS

O BNG de Vigo propón que a policía local actúe diante do incumprimento das condicións preventivas en empresas e centros de traballo

porta do sol

Propoñen que efectivos da policía municipal realicen visitas de oficio aos centros de traballo e levanten atestados para llos trasladar á Inspección de Traballo. 

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, reitera a demanda de “paralizar toda a actividade non esencial, a pública e a privada” para garantir o dereito a saúde e a eficacia do confinamento.  

Expresan a preocupación pola situación que se vive nas residencias de maiores por falta de EPIs, e esixen á Delegada da Xunta, Corina Porro, que se poña a disposición do Concello de Vigo e estreite a colaboración entre administracións.  

O BNG de Vigo propón que a policía local actúe diante do incumprimento das condicións preventivas en empresas e centros de traballo
O BNG de Vigo trasladou hoxe ao Comité de Seguimento Municipal do Covid-19 a proposta de que a policía local realice visitas de oficio a empresas e centros de traballo para comprobar o cumprimento das medidas preventivas fronte ao coronavirus. A fronte nacionalista insta a que a policía local levante atestados dos incumprimentos para llelos trasladar á Inspección de Traballo. 

O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, reitera a demanda de “paralizar toda a actividade non esencial, tanto pública como privada”. Unha medida, que defende, permitiría garantir o dereito á saúde dos traballadores e das traballadoras e tamén a eficacia do confinamento.  

“Vendo a evolución da curva de afectados e afectadas polo coronavirus, hai que tomar decisións firmes que poñan por diante a saúde pública. Non ten sentido que moitas traballadoras e traballadores sexan confinadas as fins de semana para despois acudir con normalidade aos seus empregos, en moitos casos sen as medidas prevetivas necesarias expoñéndose a contaxios”, explicou.  

Diante da irresponsabilidade da patronal e a inacción da Inspección de Traballo e da Dirección Xeral de Saúde Pública, a fronte nacionalista é partidaria de que o Concello de Vigo actúe para impedir que se siga a traballar sen as mínimas garantías preventivas.  

Preocupación polos centros de maiores 

Pérez Igrexas está a realizar, en colaboración con diferentes colectivos e organizacións, un seguimento moi estreito da situación no que atinxe as residencias de maiores, centros de diversidade funcional e de menores, así como nos servizos de atención domiciliaria.  

Após, se rexistrar 11 positivos nunha residencia privada na nosa cidade, o edil nacionalista insta á Xunta de Galiza a que garanta o subministro de EPIs tanto para o persoal como para as usuarias afectadas. Aliás, Igrexas lamenta a falla de transparencia e comunicación coas familias que se está a denunciar nas últimas horas e propuxo ao Comité de Seguimento Municipal que demande da Xunta de Galiza que poña baixo dirección pública toda a rede asistencial sociosanitaria. 

Delegada da Xunta 

Desde a fronte nacionalista tamén demandan que se estreite a colaboración entre administracións e instan de maneira directa á delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, a que facilite unha interlocución estreita entre o Posto de Mando Avanzado da Xunta co Concello de Vigo.  

“Non imos entrar a valorar agora o renomeamento de Porro como Delegada. O único que lle esiximos é que se poña de inmediato a disposición do Concello da principal cidade de Galiza como é a súa obriga”, reclamou Igrexas. 

O BNG de Vigo propón que a policía local actúe diante do incumprimento das condicións preventivas en empresas e centros de traballo