O BNG pide un plan urxente para reparar o “abandono” das pistas deportivas abertas de Vigo
A fronte nacionalista lamenta o “total desleixo” do Goberno municipal co mantemento das instalacións deportivas en numerosos parques e alamedas da cidade
Filipe Abalde: “Hai recursos para que todas as pistas poidan estar operativas coa chegada do bo tempo nas vindeiras semanas, o único que fai falla é un Goberno que xestione”
O Bloque Nacionalista Galego pide un plan urxente de reparación das pistas deportivas abertas en Vigo diante do estado de “total abandono” que presentan moitas das instalacións. Así o vén de denunciar este domingo o concelleiro nacionalista, Filipe Abalde, quen sinalou como responsábel o “desleixo e desatención” do Goberno municipal no mantemento destas dotacións en diferentes parques da cidade.
Abalde puxo como exemplo a pista exterior do pavillón de Quirós “que leva demasiado tempo precintada e co mobiliario e o valado destrozado”; o caso da alameda da Salgueira “que por non ter non ten nin porterías”; ou as pistas ao aire libre de Navia, Torrecedeira, ou na Balsa en Matamá “onde é evidente a falla de limpeza e medra a maleza”.
O concelleiro do BNG lamentou que a concellaría de Deportes “non estea nin ao máis básico”. Nese sentido, afeou que o Concello nin tan sequera executara o pasado ano 2023 a totalidade da partida, “xa de por si ridícula”, destinada ao mantemento destas pistas, deixando case un 20% sen gastar dos 180 mil euros orzamentados.
“Hai recursos para facelo, o único que fai falla é un Goberno que xestione e exerza as súas competencias”, asegurou Abalde sobre o plan urxente de reparación. O obxectivo da proposta nacionalista, subliñou, é que poidan estar operativas coa chegada do bo tempo nas vindeiras semanas.
O edil do Bloque puxo en valor a importancia deste tipo de instalacións, que permiten a práctica deportiva libre a unha grande cantidade de viguesas e vigueses en todos os barrios e parroquias. “Crianzas, mocidade e xente de maior idade acoden a elas pola súa proximidade e tamén por ser máis accesíbeis que outras instalacións nas que hai que solicitar quenda e teñen horarios restritivos”, destacou, chamando a intensificar a promoción do deporte como mellor maneira para ter unha cidade máis saudábel.