O BNG promove un Pleno extraordinario en Vigo para que Abel Caballero responda pola sentenza Guns N’ Roses

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista busca depurar responsabilidades ante o silencio do Goberno local en relación ás irregularidades na contratación do concerto acreditadas no fallo xudicial

Demanda unha Comisión de Investigación para “coñecer a verdade caia quen caia”

Xabier P. Igrexas: “O alcalde ten que dar explicacións ás viguesas e aos vigueses por este escándalo sen precedentes, non a Risto Mejide”

O BNG promove un Pleno extraordinario en Vigo para que Abel Caballero responda pola sentenza Guns N’ Roses

O Bloque Nacionalista Galego promove un Pleno extraordinario en Vigo para que o alcalde, Abel Caballero, responda pola sentenza do caso Guns N’ Roses. A fronte nacionalista busca depurar responsabilidades ante o silencio do Goberno local en relación ás irregularidades na contratación do concerto acreditadas no fallo xudicial, que condena ao Concello ao pago de dous millóns de euros.

“A motivación deste Pleno extraordinario é obrigar o alcalde a dar as explicacións que inda non foi capaz de ofrecer e tamén avanzar na asunción de responsabilidades a nivel político”, defendeu en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen reprobou a “opacidade” do propio rexedor transcorridos 20 días dende que se fixo pública a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo.

Igrexas reprochou que Caballero só respondera sobre o asunto nun programa de televisión a nivel estatal con “abertas falsidades” e nun “novo insulto á intelixencia” das viguesas e dos vigueses. “O alcalde ten que dar explicacións ás viguesas e aos vigueses por este escándalo sen precedentes, non a Risto Mejide”, esixiu.

Cesamento de Patricia Rodríguez

O portavoz municipal nacionalista insistiu no cesamento inmediato da concelleira de Contratación, Patricia Rodríguez Calviño, pola súa directa responsabilidade na simulación dun falso concurso público para o patrocinio publicitario do concerto elaborado a medida, como acredita o fallo xudicial. “Continúa inexplicabelmente e de maneira insostíbel en termos de hixiene democrática á fronte da área de Contratación”, afeou. No caso do edil Pablo Estévez, piden depurar responsabilidades polo seu papel na tramitación irregular da carta de interese remitida á promotora.

Comisión Especial de Investigación

Dende o Bloque consideraron tamén imprescindíbel crear unha Comisión Especial de Investigación co obxectivo “de chegar até o final para coñecer a verdade caia quen caia”. Igrexas asegurou que o PSOE non debera ter inconveniente en permitila se non ten nada que ocultar e advertiu que “bloquear este acordo suporá de maneira clara unha autoinculpación do Goberno de Abel Caballero”.

Na mesma liña de reforzar os mecanismos de control municipais, a fronte nacionalista reiterou a solicitude de que se constitúa a Comisión do Pleno de Vixilancia da Contratación, que ten carácter legalmente obrigatorio, así como ordenanza municipal de transparencia na xestión e unha Oficina Municipal Anticorrupción.

“É o momento de despregar medidas efectivas de tolerancia cero fronte a calquera práctica irregular ou risco de corrupción, tendo en conta que a propia Intervención municipal ten recoñecido en informes oficiais que carece dos medios necesarios para exercer plenamente as súas funcións de fiscalización”, explicou. “Fronte ao silencio e a opacidade do Goberno municipal, o BNG queremos poñer luz democrática para que nunca máis nesta cidade o Concello sexa condenado por amañar contratos”, engadiu.

Evitar a impunidade de Caballero

O portavoz municipal aclarou tamén que o Bloque acordou convocar o Pleno extraordinario xunto co PP “antepoñendo o interese público e o dereito da cidadanía a coñecer a verdade por riba das enormes diferenzas e da distancia sideral” que separa ambas formacións políticas. Así, o artigo 44 do Regulamento Orgánico do Pleno permite a solicitude destas sesións extraordinarias co apoio de 7 das e dos 27 edís da Corporación.

“Esta esixencia provoca que, para evitarmos que o rodete absolutista do PSOE no Pleno instale na impunidade política este escándalo, esteamos obrigados como xa sucedeu en outras ocasións como o caso Cuñada a que a solicitude de Pleno teña que ser subscrita por máis de un grupo municipal”, subliñou Igrexas.

O voceiro nacionalista asegurou que ese é “o único motivo” para o BNG subscriba esta solicitude conxunta. “Se de algo non pode ser abandeirado o PP é da transparencia, nin da loita contra a corrupción, nin no combate contras as prácticas irregulares da contratación”, criticou lembrando o papel dos populares na investigación do sobrecusto de 470 millóns de euros na privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro, ou na trama de 1.300 contratos a dedo por importe de 7 millóns de euros en favor dunha empresa dirixida pola irmá de Feixóo. 

O BNG promove un Pleno extraordinario en Vigo para que Abel Caballero responda pola sentenza Guns N’ Roses